O TSXG autoriza prorrogar a limitación de reunións de tres a seis da madrugada as fins de semana

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) autorizou á Xunta a prorrogar en toda Galicia, ata o próximo 29 de xaneiro, a prohibición de reunións entre non conviventes entre as tres e as seis da madrugada dos venres, sábados, domingos e festivos, é dicir, nas saídas nocturnas dos xoves, venres, sábados e vésperas de festivos. O alto tribunal tamén autorizou ao Goberno galego a prorrogar a esixencia de presentar o certificado COVID-19 de vacinación, de proba diagnóstica negativa ou de recuperación para acceder ao interior de determinados establecementos, entre eles locais de hostalería, de lecer nocturno, hospitais, residencias, ximnasios e albergues turísticos.

Os maxistrados explican na resolución que as medidas teñen como propósito “defender a saúde pública, malograda pola pandemia”, así como conter a expansión do virus. Tras estudar os dous informes presentados pola Xunta, “certamente mellor fundados que os que se analizaron no auto do 30 de decembro”, aseguran que é “evidente” a necesidade de persistir nas medidas que se orientan a reducir a interacción social, que contribúe á expansión do virus, especialmente nos ámbitos e sectores aos que se refiren as ordes.

A sección terceira da Sala do contencioso-administrativo do TSXG destaca no auto, notificado hoxe, os “efectos favorables” que ten a esixencia de presentar “calquera dos tres certificados COVID-19 -vacinación, recuperación ou proba diagnóstica-”, entre eles os beneficios indirectos para a poboación máis resistente a vacinarse”. Os xuíces tamén sinalan que durante as fins de semana “a afluencia de persoas nos espazos públicos e privados faise máis intensa”, polo que consideran que a medida de limitar as reunións entre as tres e as seis da madrugada é “proporcional”. Ademais, sinalan que, tal e como reflicte o informe do comisario xefe da Unidade de Policía Adscrita á Comunidade Autónoma de Galicia, achegado pola Xunta, a restrición da mobilidade nocturna “facilitou as inspeccións policiais de establecementos e locais para verificar que se cumprían os horarios e permanencia de persoas”.

O tribunal tamén reflicte na resolución os datos sobre a situación epidemiolóxica de Galicia incluídos no informe, de data 11 de xaneiro, elaborado pola subdirectora xeral de Información sobre Saúde e Epidemioloxía. A taxa de incidencia a sete días na comunidade autónoma, segundo o documento, é de 1.016,54 casos por 100.000 habitantes, con diferentes cifras segundo os sectores de idade. As taxas de hospitalizados nunha semana, e tamén respecto de 100.000 habitantes, son de 11,70, en unidades de agudos; e de 0,93, nas de críticos, o que supón, segundo sinala o TSXG, “unha redución respecto de datas anteriores, do mesmo xeito que descenderon tamén as defuncións, o que atopa a súa razón de ser nas medidas adoptadas, entre as cales é relevante a efectividade da vacina”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com