O TSXG autoriza prorrogar a obriga de presentar o pasaporte COVID-19 para acceder a locais de hostalería

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) autorizou á Xunta a prorrogar en toda a comunidade, ata o próximo 12 de febreiro, a esixencia de presentar o pasaporte COVID-19 de vacinación, recuperación ou proba diagnóstica negativa para acceder ao interior dos locais de hostalería e de lecer nocturno durante todo o horario de apertura, a ximnasios e piscinas cubertas, a eventos multitudinarios, a lugares nos que se venda comida e bebida e a albergues turísticos. Ademais, a documentación será requirida ás visitas dos doentes ingresados en hospitais e residencias.

A Sala destaca que esta medida se manterá “o tempo imprescindible para mellorar a situación epidemiolóxica” de Galicia, a cal “se revisa diariamente e se somete semanalmente á consideración do comité clínico”. Ademais, salienta que o seu propósito é “defender a saúde pública malograda pola pandemia”. No auto, os maxistrados aseguran que, tal e como se fundamenta no informe técnico achegado pola Xunta, a presentación do pasaporte COVID-19 permite o mantemento de capacidades e o normal desenvolvemento de determinadas actividades “en situacións nas que se aprecia un incremento de risco de contaxio, polas características peculiares de actividade, que deben ser adecuadamente controladas, ou polas características de especial vulnerabilidade que concorren”.

A idoneidade da medida, segundo explica o tribunal na resolución, non queda invalidada polo feito de que o pasaporte COVID-19 non elimine completamente a posibilidade de novos contaxios, xa que os informes científicos avalan que esta medida preventiva “permite reducir o risco” de transmisión do virus.

O TSXG, ademais, lembra a sentenza do Tribunal Supremo do pasado mes de decembro na que insiste en que “a distinta gravidade actual da pandemia, a menor agresividade e a máis reducida ocupación hospitalaria e das UCI”, non xustifican “prescindir das prevencións necesarias para evitar que se reproduzan os momentos críticos do pasado”. Contra a resolución cabe presentar recurso de casación.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com