" />

O TSXG confirma a absolución do rexente dun pub de Chantada acusado dun delito de agresión sexual

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) confirmou a sentenza da Audiencia Provincial de Lugo que absolveu ao rexente dun pub de Chantada dun delito de agresión sexual ao entender que non hai probas de que cometese os feitos polos que foi denunciado. A Sala do Civil e Penal rexeitou, desta forma, o recurso da denunciante. Así, indica no fallo que o tribunal de primeira instancia “non descarta a existencia do delito debido a unha ou outra concreta afirmación da presunta vítima, senón polo conxunto da súa declaración, en canto a contido e forma, pois contén elementos que propician a incredulidade da Sala sentenzadora, algúns dos cales lle resultan, ademais, especialmente rechamantes”.

Os maxistrados do TSXG indican que os xuíces da Audiencia Provincial de Lugo apreciaron “unha evidente falta de credibilidade nas manifestacións da denunciante, que impiden, en consecuencia, que se puideran ter como proba suficiente para enervar a presunción de inocencia do aquí procesado, ao non reunir aquelas, ao entender da Sala, os requisitos esixidos pola doutrina xurisprudencial”. Tamén destacan que a Audiencia Provincial de Lugo botou en falta, “ademais das decisivas contradicións, unha necesaria claridade, consistencia e concreción no relato”. O alto tribunal galego avala, polo tanto, a sentenza de primeira instancia, na que os maxistrados entenderon que non foi enervada a presunción de inocencia do acusado. “Este tribunal de apelación, cuxa misión non é elaborar unha propia versión dos feitos, a partir dunha nova valoración da proba, senón analizar o proceso de valoración desta efectuado pola Sala de instancia, non advirte erro algún nin falta de lóxica ou racionalidade na súa proceder, polo que se está no caso de rexeitar o recurso e confirmar a sentenza”, recalca.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo