O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) acordou suspender de forma cautelar as autorizacións previa e de construción do parque eólico Pena do Pico, promovido por Greenalia Wind Power SLU nos concellos de Baralla e Quiroga, nos Ancares lucenses. A decisión responde á solicitude formulada por ADEGA no marco do recurso contencioso-administrativo presentado contra a autorización outorgada pola Xunta de Galicia.
Segundo informou a organización ecoloxista, a Sección Terceira da Sala do Contencioso-Administrativo estimou a petición de medidas cautelares, ao considerar que existen indicios suficientes sobre a posible afección ambiental do proxecto mentres se resolve o procedemento xudicial.
No auto, o tribunal sinala que a documentación achegada polos ecoloxistas presenta un valor indiciario suficiente para xustificar a suspensión cautelar e apunta á necesidade de evitar posibles danos ambientais de difícil reparación. Entre os aspectos analizados figura a incidencia do parque sobre un ámbito incluído na Reserva da Biosfera Terras do Miño e proposto pola Xunta para a ampliación da Rede Natura 2000, así como sobre especies de avifauna protexida.
A resolución tamén recolle que algunhas das medidas correctoras previstas na Declaración de Impacto Ambiental actuarían unha vez producido o impacto, polo que considera necesario preservar cautelarmente o espazo mentres se resolve o fondo do litixio.
Pola súa banda, a Xunta de Galicia e a empresa promotora defenderan a legalidade da tramitación e argumentaran o interese público asociado ao desenvolvemento das enerxías renovables e á transición enerxética. Non obstante, o TSXG indica que este interese debe compatibilizarse coa protección ambiental e que será o procedemento principal o que determine definitivamente a legalidade da autorización.
A suspensión cautelar non supón un pronunciamento sobre o fondo do asunto, senón unha medida provisional destinada a evitar posibles prexuízos mentres o tribunal resolve o recurso presentado.






