O Vello Cárcere continúa a buscar quen leve o servizo de cafetería

A Xunta de Goberno local aprobou hoxe sacar a contratación, de novo, a explotación do servizo de cafetería-restaurante do Vello Cárcere, tras excluír do procedemento levado a cabo á única oferta presentada por ser unha comunidade de bens que non cumpre os requisitos para contratar coas administracións públicas. Será por un período de 5 anos, prorrogable anualmente ata dez, e un importe mínimo de canon a satisfacer ao Concello de 2.000 euros ao mes.

Así o anunciou Miguel Fernández, quen deu a coñecer que se mantén o mesmo prego con algunha modificación, como a que se refire ao horario de apertura, á disposición nas instalacións dun almacén e á elaboración da comida, que preferentemente se debe realizar na propia cociña do centro.

O prazo de presentación de proposicións será de 26 días naturais contados dende a publicación do anuncio de licitación no Perfil do Contratante do Concello, aloxado na Plataforma de contratación do sector público.

A cafetería, con vistas á Muralla, está equipada con 16 mesas e 32 cadeiras no espazo xeral das instalacións, 8 cadeiras altas na barra, 4 mesas e 8 cadeiras altas na zona da fiestra fronte á barra, e 8 mesas e 24 cadeiras na terraza. Será por conta da empresa adxudicataria a instalación de toda a maquinaria, ferramenta e aparellos necesarios para o desenvolvemento da actividades.

Entre outros asuntos, tamén se aprobou a oferta de emprego público para o ano 2018, a de maior número de prazas dos últimos anos. As 23 prazas que configuran a oferta en quenda libre, son as seguintes:

– 1 praza de letrado asesor
– 2 prazas de arquitecto
– 1 praza de director da Banda de Música Municipal
– 1 praza de enxeñeiro industrial
– 1 de praza enxeñeiro técnico industrial
– 1 praza de coordinador de Deportes
– 1 praza de técnico superior de informática.
– 3 prazas de Policía Local e 3 de bombeiro/conductor
– 2 prazas de oficial conductor
– 1 praza de oficial conductor maquinista
– 2 prazas de oficial (brigada de obras)
– 1 praza de ordenanza e 2 de celador
– 1 praza de operario (brigada de obras)

Destas 23 prazas, dúas están reservadas para persoas con discapacidade, unha de celador e outra de arquitecto. En canto ás 10 prazas de promoción interna, son as seguintes:

– 1 praza de intendente da Policía Local
– 1 praza de oficial da Policía Local
– 1 praza de analista de sistemas/aplicacións
– 1 administrativo/a
– 1 praza de xefe/a do Parque Móbil
– 1 praza de coordinador de publicacións
– 1 técnico auxiliar electricista
– 1 praza de encargado/a (brigada da zona rural)
– 1 praza encargado/a (deportes)
– 1 praza auxiliar administrativo

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com