" />

Operarios da Xunta estenderon durante a madrugada 35 toneladas de sal e salmoira na rede autonómica da provincia

A Xunta de Galicia mantén activo o operativo de vialidade invernal ante o novo episodio de neve para facilitar a circulación nas estradas da rede autonómica da provincia.

Isto posbilitou que durante esta madrugada actuaran as máquinas quitaneves para despexar a estrada LU-633 entre Pedrafita e o Alto do Hospital e os altos do Cebreiro, San Roque e Poio. Tamén foi preciso intervir no alto do Viduedo e no porto do Boi, na LU-651, entre outros puntos.

Igualmente, na zona norte foi preciso retirar a neve en varios tramos da LU-530, como os portos da Baqueriza, A Fontaneira e O Cerredo; no porto do Acebo (LU-701) e en distintas vías do municipio da Fonsagrada.

Durante este período, os  camións do operativo estenderon 35 toneladas de sal e 15.000 litros de salmoira para evitar a acumulación de xeo e neve na calzada.

A primeira hora da mañá todas as estradas da rede autonómica estaban abertas ao tráfico se ben era preciso circular con precaución nos puntos mencionados e, en xeral, en todos os tramos  de montaña, xa que continúan caendo precipitacións en forma de neve.

A neve obrigou a suspender as clases no Centro Público Integrado (CPI) de Navia de Suarna e nos Colexios de Educación Infantil e Primaria (CEIP) de Seoane do Courel,   Pedrafita do Cebreiro e  Triacastela.

Igualmente, causou incidencias no transporte escolar, que non puido acceder ao CEIP do Cádavo, ao CEIP e ao Instituto de Educación Secundaria (IES) da Fonsagrada, e aos CEIP do Incio e de San Román de Cervantes.

Tamén se viron afectadas algunhas rutas do transporte escolar do CPI de Castroverde, CPI de Baralla, os CEIP das Nogais e Samos, e o colexio e o instituto de Becerreá.

 

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo