Os ataques continuados de xabaril comezan a facer inviable a actividade gandeira na parroquia vilalbesa de Santaballa

Dun tempo a esta parte, o xabaril está destruíndo fincas na parroquia de Santaballa (Vilalba) cunha periodicidade diaria que afecta, principalmente, ás granxas que traballan na zona, xa que arrasa cultivos e praderías. Lupe Prado, socia da explotación láctea SAT Arealba, onde traballan ela e outras tres persoas, explicounos que “o xabaril atacounos varias fincas e algunha levantóunola completamente. E o mesmo no resto da parroquia. No noso caso concreto, estragounos ao redor de cinco hectáreas. Cada día aparece un prado afectado. Destrúe tanto parcelas que se acaban de sementar, como outras que xa tiñan herba”. Até hai pouco, o obxectivo do xabaril eran as plantacións de millo, onde ocasionou cuantiosos danos; agora, tócalle á herba que se está sementando.

Aínda que as granxas están a sufrir unhas perdas económicas graves, os labregos e labregas da zona prefiren non perder o tempo denunciando os danos, xa que a actitude da Xunta diante deste problema, que se está a facer estrutural en todo o país, é de absoluta pasividade. Lupe Prado quéixase de que, por parte da Consellaría de Medio Ambiente, non se está a ofrecer ningún tipo de medida ou solución para atallar esta problemática. De feito, Medio Ambiente nin sequera convocou este ano ningún tipo de axudas para indemnizar os danos causados polos porcos bravos -a última convocatoria data de 2016- polo que o desamparo das granxas afectadas é total: nin solucións, nin indemnizacións.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo