Os caladiños

Como contraste coas sonoridades das multitudinarias procesións da Semana Santa, apareceron desfiles silenciosos, ao anoitecer ou na madrugada, que foron coñecidos como as “procesións dos caladiños”, aínda que tamén as hai formadas exclusivamente por mulleres.

Andar por Lugo ao anoitecer deste domingo era participar nunha desanxelada procesión de caladiños que ousaran saír da protección do fogar para poder comprobar e demostrar que, malia todo o que nos acouga, a vida segue.

Se o silencio retroaliméntase de silencios porque non ousamos alzar a voz, o silencio dominaba unha cidade sen bares, sen vellos, sen nenos. Non botei contas con exactitude, pero estou por asegurar que de cada dez lucenses que andábamos pola rúa, cinco ían acompañados dos seus cans na mellor demostración da imposibilidade de saber quen pasea a quen por ser estes amigos dos humanos a desculpa perfecta para perderse polas rúas en calquera circunstancia.

Na silenciosa quietude cidadá brillaban o castañeiro da Praza Maior, algún establecemento de comidas para levar, as mascaras que nos igualan, a ausencia de patinetes invasores e a innecesaria presencia dos semáforos que moi poucos respectaban diante do case inexistente tráfico.

Como perdidos por Lugo, os caladiños (calados á forza, que diría Novoneyra se nos metese na súa Letanía), rodeados de nobres pedras milenarias, camiñabamos a cidade sen rumbo fixo, andando por andar (a imitación de Manuel María) sen ousar por agora calificar este tempo escuro (Celso Emilio si o fixo co tempo político) como unha longa noite de pedra. Se non de pedra, si que está sendo longa.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com