Os campos de Frigsa e A Chega estrearán céspede o vindeiro ano

O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, xunto a Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez López, avanzou a aprobación na Xunta de Goberno desta mañá dun investimento de 500.000 euros para dotar dun novo céspede artificial aos campos de fútbol de Frigsa e A Cheda. Campos Conde adiantou que na sesión tamén se acordou investir 40.000 euros na mellora do pavillón deportivo municipal do Valadouro.

“Con estas actuacións, levamos achegado, no último ano e medio, case 2,7 millóns de euros só na mellora de instalacións deportivas públicas de 25 Concellos. Somos a administración galega que, sen dúbida, máis inviste en deporte na nosa provincia, aínda non ser a institución coas competencias directas na materia, nin, moito menos, a de máis fondos públicos, pois esta é, en todos os casos, a Xunta de Galicia”, destacou.

O Presidente engadiu que “dende o Goberno da Deputación temos un firme compromiso polo deporte como motor social e económico, así como grande promotor de vida saudable e de valores sociais vitais, como o compañeirismo ou a superación. Creo que o demostramos con feitos: só na mellora de instalacións deportivas públicas e municipais levamos investido en ano e medio uns 2,7 millóns de xeito solitario”.

Asemade o presidente do executivo provincial quixo resaltar, unha vez máis, os “escasos” investimentos da Xunta de Galicia na provincia de Lugo. Máis aló de comparativas entre institucións, Campos Conde deixou claro que “A Xunta non colabora coa provincia de Lugo” pero asegurou que o ente autonómico vén de aprobar un convenio coa Deputación de Ourense de un millón de euros para mellorar instalacións deportivas. “É unha mostra máis da discriminación que ten a Xunta de Galicia
coa provincia de Lugo”.

Deputación e Concello mellorarán con 235.000 euros o campo de fútbol da Cheda e con 265.000 euros o de Frigsa. As obras nestes dous campos consistirán na renovación do sistema de céspede artificial, que debido ao desgaste, xa aconsella a súa renovación. Con este investimento dotarase a estes dous campos de fútbol dun céspede de ultima xeración e adaptado ás normas e esixencias actuais.

Campos Conde subliñou que “o fútbol é unha das modalidades deportivas que máis éxito ten en Lugo, e en toda a provincia, só na capital conta con máis de 3.000 fichas federativas, dun total de 41 clubs deportivos. Ademais hai que ter en conta que a maioría destes equipos contan con categorías inferiores, que tamén promocionan a práctica deste deportes entre os mais cativos”.

A maiores destas melloras que se acometerán en colaboración coa Deputación, a rexedora lucense avanzou que o Goberno local, cun investimento de 230.000€ de fondos propios que prevé consignar nos Orzamentos do 2018, renovará o céspede do campo das Gándaras II, colocado no ano 2008. Deste xeito, para unha vindeira fase, restarán os das Gándaras I e Polvorín.

A Alcaldesa destacou o compromiso do Concello co deporte, ao que destina máis de 3 millóns de euros ao ano no orzamento, porque favorece un estilo de vida san, inculca valores e dinamiza a vida social e económica de Lugo.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo