" />

Os grandes dramas da Europa do século XXI protagonizan a semana en Codex

Preparativos para estar xuntos por un período de tempo descoñecido de Lili Horvát e Non odiarás de Mauro Mancini mostran un continente unido por devastadores dramas existenciais, a pegada do pasado e o medo ao futuro.

A pesar do seu longo título Preparativos para estar xuntos por un período de tempo descoñecido é un filme minimalista e conciso sobre unha muller que deixa un futuro brillante no campo da cirurxía por amor. Entón viaxa a Budapest triste e melancólico onde os seus soños entran en conflito cos seus medos.

Unha película tan fermosa como meditativa marcada polo rostro da súa actriz principal Natasa Stork. Este filme húngaro sorprendeu na última edición da Seminci de Valladolid, un dos festivais máis importantes de España, onde conseguiu a Espiga de Ouro a mellor película. Un galardón moi importante que no pasado levaron directores tan recoñecidos como Ingmar Bergman, Robert Bresson, François Truffaut ou Luchino Visconti.

O filme de Lili Horvát inscríbese nunha gran tradición de filmes sobre os dramas contemporáneos dos homes e mulleres comúns, a dificultade da vida nas cidades e as esperanzas rotas dunha xeración que confiou no soño europeo.

Curiosamente, o protagonista de Non odiarás tamén e cirurxián e tamén leva unha vida sen obxectivos e esperanzas máis alá da materialismo superficial. Marcado pola historia do seu recentemente finado pai, que sobreviviu aos campos de concentración nazis, ten que facer fronte a un xigantesco dilema moral: decidir se salvar a vida a un rapaz neonazi que sufriu un accidente. A reflexión sobre o pasado e a súa influencia subterránea nos nosos días marca esta película tan emocionante como desencantada que conta cunha gran actuación do actor italiano Alessandro Gassmann.

A película presentouse na Semana da Crítica do Festival de Venecia, onde levou o premio a mellor interpretación masculina.

As dúas películas inciden na aposta de Codex Cinema polo mellor cinema de autor europeo, o máis premiado nos festivais internacionais, achegando aos lucenses as novidades máis recentes dos circuítos alternativos. Estas dúas películas, de cinematografías tan tradicionais como a húngara e a italiana confirman a liña de programación dos cines dentro do programa de Europa Cinemas.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo