Os grupos da oposición responden ás ameazas da Federación de Veciños

Unha nova polémica rodea ao Concello de Lugo. Onte algunha asociación veciñal e mesmo, a Federación de Veciños, Lucus Augusti, enviaba un comunicado aos medios esixindo, con non moi boas formas, á oposición do Concello de Lugo que aprobara os orzamentos que presentou o equipo de Lara Méndez. Unha nota, a que enviaron, que non foi moi ben recibida entre os grupos políticos.

Se ben as primeiras reaccións foron bastante negativas, membros da federación percorrían hoxe os despachos que as agrupacións teñen no Concello pedindo perdón e recoñecendo un erro do que eles se desvinculaban por completo. Así o explicou esta mañá o voceiro nacionalista, Rubén Arroxo quen, lonxe de cambiar o seu voto negativo aos orzamentos, está disposto a percorrer as asociacións explicando as razóns para non apoialos “que nos avisen, que imos dar a cara, alí onde nos pidan e onde faga falta”.

Rubén Arroxo falou co presidente e co portavoz da Federación Veciñal e propúxolles acompañalos na súa ruta para explicarlle á veciñanza a postura do BNG.  Arroxo valorou positivamente o feito de que os directivos da Federación Veciñal se achegasen a xustificar e matizar o contido da nota que “non nos pareceu, para nada, afortunado; que se ameace a concelleiros nin que queiran facer posicións fóra da política”.

Pero Arroxo non foi o único que criticou as verbas da federación, o grupo municipal de Cidadáns considerou “absolutamente intolerables” as “ameazas” da Federación de Veciños e cualificounas como un “intento caciquil de coaccionar o voto dos lexítimos representantes dos veciños”. 

Olga Louzao considerou que a entidade que preside Jesús Vázquez actúa, neste caso, “a cambio de subvencións públicas” como “brazo armado da alcaldesa socialista Lara Méndez” traspasando unha liña que “choca cos principios e finalidades do que ten que ser un movemento veciñal apolítico e representativo da sociedade civil”. Cidadáns anuncia que “non se deixará intimidar” e votará mañá no Pleno en contra dun presuposto que é “ilegal” e invita ao propio presidente da Federación a a cudir ao Pleno para comprobalo.

O PP votará en contra

Seguindo cos orzamentos pero máis aló das formas da Federación para pedir o voto, o voceiro popular, Antonio Ameijide, anunciou hoxe a súa negativa a aprobar os presupostos do Concello para o vindeiro ano polo que tildou de “falta de humildade” da alcaldesa e asegurou que se trata duns orzamentos “electoralistas” que “esconden unha suba de impostos”.

Aínda que o popular non lle deu moita importancia á nota remitida pola federación, asegurou que “non temos ningún problema e nada que ocultar e explicaremos, onde sexa necesario, o sentido de voto do noso partido, con e sen atril”. “Hai unha cara oculta dentro das contas muncipais e podemos entrar ao detalle para demostrar que a verdad dos orzamentos é outra ben distinta á que nos pintan”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com