Os populares denuncian a falta de organización no goberno local

O voceiro do Grupo Popular Antonio Ameijide asegurou que está atónito pola irresponsabilidade do goberno socialista e pola súa falta de capacidade de priorizar e organizar o traballo no Concello. O popular considera “pouco serio que se escondan detrás do traballo dos funcionarios e os sobrecarguen de tramitacións administrativas cando moitas das cuestións pendentes só dependen de que tomen a iniciativa e adopten unha decisión política”.

O popular facía esta reflexión logo de asistir ás comisións de seguimento dos acordos de pleno e a xuntanza de voceiros convocada para chequear o cumprimento do Plan de Investimentos para o presente exercicio e que se aprobou o pasado mes de xuño. 

O balanzo das iniciativas do PP levadas a cabo polo goberno local “é demoledor, só cumpriron un 5% das iniciativas e semellan non ter unha excesiva vontade de traballo cando en tres meses só fixeron dous únicos informe analizando a viabilidade dunha única proposta dun total de 213”, denuncia Ameijide.

Antonio Ameijide teme que “a parálise do goberno afecte tamén ao desenvolvemento do Plan de Investimentos que grazas ao PP saiu adiante e que blinda unha partida de case 4.5M€ para investimentos en Lugo neste 2017”. O popular explicou que nunha situación de normalidade, se se contase cun goberno fiable e que cumprise coa palabra dada, non terían razón de ser estas dúas comisións.

Ao fío destas declaracións, e sumadas a proposición de reprobación apoiada onte pola maioría da corporación municipal, a rexedora Lara Méndez saíu ao paso. Méndez asegurou que o Goberno local ten tramitados, cos expedientes concluídos, o 73% dos acordos adoptados polo Pleno nos máis de dous anos que van de mandato, o que pon de manifesto, asegurou, “que as supostas motivacións que levaron á reprobación non son certas”. 

Lara Méndez subliñou que tampouco é certa a falta de diálogo e participación. “A primeira participación que abrimos foi darlles a posibilidade de entrar no Goberno. Iso pon de manifesto a boa vontade de abrir canles de participación. Cando dixeron que non, se seguiron abrindo canles a través dos orzamentos, que son o instrumento que temos para impulsar o desenvolvemento da cidade. Cando dixeron que non ao presuposto, fixémolo a través das propias modificacións de crédito. As canles de participación estámolas abrindo e as mostras do Goberno de querer dialogar e
consensuar son continuas”, argumentou.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com