Os puntos de vertidos incontrolados amoreanse no entorno do Miño

Mobles, plásticos, entullo e mesmo colchóns, roupa e váteres. Os refugallos acompañan a andaina polos camiños que conducen ao río Miño a altura dos núcleos de Rosende e Xián. O Grupo Municipal Lugonovo denuncia que, en pouco máis dun kilómetro, na continuidade das Rúas Filgueiro e Rei Chiquito é posible atopar, nestes momentos, cando menos, catro focos destacados de concentración de lixo.

“Námbalas dúas marxes da Nacional VI, hai acumulados grandes voluminosos, como armarios, electrodomésticos e incluso cascallos de obra. Residuos contaminantes, que prexudican e afean a paisaxe e que cómpre retirar canto antes para evitar que a súa presenza se convirta nunha invitación a seguir enchendo a contorna de sucidade”, explica Cristina Pérez Herráiz.

A portavoz da formación cre que a súa existencia demostra, por unha banda, o desleixo do goberno para co rural e, pola outra, que os recursos que a administración local puxo en marcha para evitar os vertedoiros incontrolados son insuficientes. Eivas que, a xuízo da voceira, deberan compensarse cun reforzo dos medios dispoñibles para combater este tipo de condutas.

“É xa a segunda vez que advertimos desta situación nos mesmos emprazamentos. Resulta evidente que é preciso aumentar a vixilancia e enfatizar as campañas de concienciación pero tamén incrementar as dotacións e adaptalas ás demandas da veciñanza, axilizando a súa resposta”, apunta Pérez Hérráiz, quen lembra a proposta da agrupación para dotar con dous puntos limpos móbiles ao municipio. “Un compromiso de 2016 que, resulta evidente, o executivo preferiu gardar, como tantos outros, no caixón do esquecemento”, reprocha Cristina Pérez.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com