Os sindicatos do metal de Lugo prevén mobilizacións se non hai avances na negociación dos convenios

UGT, CCOO e CIG reclaman melloras salariais e laborais para o siderometal e o comercio do metal. A próxima reunión coa patronal está prevista para o día 25.

As persoas traballadoras do siderometal e do comercio do metal da provincia de Lugo apoiaron a convocatoria de mobilizacións se a próxima reunión coa patronal non permite avanzar na renovación dos convenios colectivos. A decisión adoptouse en asembleas celebradas nos últimos días en Monforte de Lemos, Vilalba, Viveiro, Lugo e Burela, segundo informaron as organizacións sindicais.

Os convenios dos dous sectores, que na provincia se negocian conxuntamente, están en proceso de renovación desde febreiro. Tras sete reunións, os sindicatos consideran insuficientes os avances acadados e sosteñen que a parte empresarial só presentou unha proposta económica, sen abordar outras materias como a xornada laboral, as coberturas durante as baixas médicas ou as licenzas.

A oferta da patronal, segundo a información facilitada pola representación sindical, contempla unha vixencia de catro anos, entre 2026 e 2029, e unha subida salarial acumulada do 12%, equivalente ao 3% anual. Tamén incluiría unha cláusula de revisión ao remate do convenio, sen efectos retroactivos e cun límite acumulado do 14%.

A plataforma conxunta de UGT, CCOO e CIG reclama, pola súa banda, incrementos salariais do 7% anual e unha cláusula de revisión cada ano vinculada ao IPC máis un punto. Entre as demais demandas figuran a redución da xornada nun día ao ano a partir de 2027, a ampliación das coberturas por incapacidade temporal, melloras nas licenzas e na prevención de riscos laborais e medidas contra a precariedade.

Carlos García, representante de UGT Industria, sinalou que a organización prefire alcanzar un acordo sen necesidade de mobilizacións, sempre que garanta o poder adquisitivo e contribúa a reducir as diferenzas salariais con provincias próximas. O sindicato espera que a patronal presente o día 25 “unha proposta en condicións aceptábeis”.

Desde CCOO Industria, José Luis Álvarez destacou a participación nas asembleas, especialmente na celebrada en Lugo, e advertiu de que, se non se producen avances na seguinte xuntanza, os sindicatos activarán medidas de presión.

Pola súa parte, Afonso Losada, da CIG Industria, cualificou de insuficiente a proposta empresarial e afirmou que o persoal apoiou con claridade a apertura dun escenario de mobilizacións. “Ou hai avances salientábeis ou imos á mobilización”, manifestou.

As tres organizacións argumentan que o sector mantén un elevado nivel de actividade e que as empresas poden asumir as reivindicacións formuladas. Se a reunión do día 25 remata sen achegamentos, a representación sindical prevé elaborar un calendario de protestas que podería desembocar nunha folga sectorial.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com