O PSdeG na provincia de Lugo valorou este martes a situación creada en Sarria tras o pacto entre o Partido Popular e Camiña Sarria, liderado por Claudio Garrido, e cualificouna de “traizón política evidente, un engano á cidadanía que non vai ter percorrido porque os sarriaos e sarriás non van esquecer quen lles mentiu”.
Lembran que “foi Claudio quen decidiu romper co proxecto socialista ao presentar unha candidatura alternativa, non ao revés, e agora recoñece que a súa propia formación é un problema para o municipio”. “O Alcalde ten razón cando di que prexudica a Sarria e debería irse xa”.
“Á señora Candia non lle saen os números, por iso anda á compra do señor Garrido como fixo coa señora Sabela Caldas”, indican dende o PSdeG provincial. Advirten de que “non existe ningún transvase automático de votos cara ao PP” e que moitos dos veciños e veciñas que apoiaron a Camiña Sarria “sentíronse traizoados, polo que eses apoios repartiranse entre distintas forzas políticas ou irán á abstención, igual que xa aconteceu en Samos ou noutros concellos”.
6,5 millóns de euros investidos en Sarria fronte ao “fume” do PP
O PSdeG pon en valor o compromiso real da Deputación que “leva investidos dende 2019 6,5 millóns de euros en Sarria, en contraste, co pacto entre PP e Camiña Sarria que “non achega nada concreto”. Explican que neste acordo “falan de proxectos como o polígono industrial e recoñecen que van comezar a pensar unha solución”. O mesmo sucede con promesas sobre os xulgados ou o centro de saúde, que non dependen do Concello. Están enganando ao pobo de Sarria con anuncios que saben imposibles”.
Os socialistas subliñan que “seguiremos traballando con rigor, seriedade e compromiso polos intereses xerais de Sarria e de toda a provincia”, fronte a quen “só busca o ruído e a confrontación”. “Temos unha folla de ruta clara: fortalecer os servizos públicos, garantir investimentos que modernicen o territorio e acompañar á veciñanza nas súas necesidades reais”.
Dende o PSdG comprométense a “seguir sendo a forza que garanta seguridade, cohesión territorial e futuro para a provincia de Lugo”.