Os socialistas de Friol lamentan que o Concello non queira baixar o IBI aos veciños

O Partido Socialista de Friol presentaba hoxe ao Pleno Municipal unha serie de propostas, entre as que se atopaban a elección por parte dos veciños, dos pedáneos, a sinalización dos núcleos de poboación na estrada que vai de Friol a Sobrado, as obras necesarias para a accesibilidade á igrexa da parroquia de San Martiño e a redución do IBI.

O portavoz municipal, Álvaro Santos, lamentou nun comunicado, que o Goberno Municipal tombase a proposta socialista dunha fiscalidade máis xusta e que servira de instrumento de protección e potenciación da actividade agrícola e gandeira. “Non entendemos porque o PP se nega a baixar o IBI e bonificalo aos núcleos con menos servizos, así como aos gandeiros e agricultores, despois do procedemento de regularización catastral e de impoñer unha subida do 33% ”.

A proposta dos socialistas contemplaba a redución do IBI municipal do 0,60 ao 0,45% e a bonificación da cota en determinados supostos. En concreto, os socialistas propoñían bonificar nun 50% a cota íntegra do IBI das vivendas situadas en núcleos rurais que non contan co mesmo nivel de implantación de servizos municipais que outras zonas do Concello consolidadas. “A día de hoxe paga a mesma contribución un veciño que se atopa nun núcleo con rede de abastecemento de auga que un que non ten esa posibilidade”, denunciou Santos.

Asemade o voceiro municipal tamén lamentou que non se tivera en conta a súa proposta da elección democrática dos alcaldes “A figura do pedáneo podería xogar un papel dinamizador da vida municipal nas parroquias, pero o PP prefire ter servos da súa confianza que pedáneos elixidos polos propios veciños”, rematou.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com