Os socialistas reivindican a xestión económica do anterior goberno tras coñecerse a liquidación de 2025

A portavoz adxunta do Grupo Municipal Socialista no Concello de Lugo, Ana González Abelleira, valorou este martes os resultados da liquidación económica correspondente ao exercicio 2025, defendendo que os datos reflicten a solidez financeira acadada durante a etapa do anterior goberno municipal.

Segundo expuxo a edil socialista, o Concello pechou o exercicio cun superávit de 14,5 millóns de euros e cun remanente de tesourería para gastos xerais de 23,3 millóns de euros. Para González Abelleira, estas cifras evidencian unha xestión baseada na responsabilidade orzamentaria, a planificación e o mantemento do equilibrio financeiro das contas municipais.

A representante socialista tamén destacou os datos recollidos nos informes da Intervención municipal. Segundo indicou, durante 2025 emitíronse un total de 1.988 informes, dos cales 1.881 non incluíron reparos, o que representa o 94,6% do total. A concelleira sinalou que a maior parte dos expedientes con observacións estiveron relacionados con gastos de subministracións e situacións sobrevidas.

González Abelleira defendeu que o anterior executivo municipal empregou os mecanismos legais dispoñibles para garantir a continuidade dos servizos públicos, o pagamento ao persoal municipal e o cumprimento das obrigas coas empresas provedoras.

A portavoz adxunta subliñou igualmente que o informe de Intervención correspondente ao exercicio 2025 non recolle incidencias en materia de ingresos, unha circunstancia que, ao seu xuízo, confirma o correcto funcionamento dos procedementos de control económico do Concello.

No marco da valoración dos resultados económicos, o Grupo Municipal Socialista fixo un chamamento ao actual goberno local para que manteña a liña de estabilidade financeira desenvolvida nos últimos anos. González Abelleira afirmou que o novo executivo recibe unha situación económica favorable e expresou a súa confianza en que os recursos dispoñibles se destinen ao desenvolvemento dos proxectos recollidos nos orzamentos municipais vixentes.

A edil advertiu tamén da importancia de preservar o equilibrio orzamentario e de compatibilizar a realización de investimentos coa prestación de servizos públicos e a contención do gasto, aspectos que considerou fundamentais para manter a saúde financeira da administración local.

Por último, a representante socialista reiterou o compromiso do seu grupo coa supervisión da acción do goberno municipal, co obxectivo de garantir unha xestión eficiente dos recursos públicos e a continuidade das políticas orientadas ao desenvolvemento da cidade.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com