Peque Peixe difunde os nomes dos animais mariños entre a infancia burelá

A lonxa de Burela foi durante toda a mañá de hoxe o escenario da presentación do proxecto Peque Peixe, unha iniciativa da Consellería de Cultura e Turismo, por medio da Secretaría Xeral de Política Lingüística, destinada a formar os nenos e nenas de 3 a 15 anos na terminoloxía mariñeira e pesqueira en galego. O secretario xeral, Valentín García, e o delegado territorial José Manuel Balseiro participaron no acto de presentación desta iniciativa, un evento que contou co apoio da Organización de Produtores Pesqueiros de Lugo (OPP-7) e de Armadores de Burela (ABSA). Fixérono acompañados por 132 nenos e nenas de tres CEIP da comarca, que recibiron, xunto con outros agasallos, unha das seis unidades didácticas que compoñen os materiais de Peque Peixe e que poden descargarse no web www.pequepeixe.gal .

Valentín García lembroulles aos asistentes “que Galicia é unha terra con moito mar e onde moita xente vive deste, así que a nosa lingua propia conta con nomes ben expresivos e axeitados para denominar os peixes que comemos”. Por este motivo, fixo un chamamento “a seguir empregándoos e a facelos visibles nos carteis das peixarías, das prazas e dos supermercados, así como a transmitírllelos aos nosos fillos e fillas cando nos sentamos con eles á mesa a compartirmos o tan saudable hábito de comer peixe”.

Canda eles participaron no acto os xefes territoriais das consellerías de Cultura e Turismo, do Mar e de Educación, Universidade e Formación Profesional, María José Gómez, Pablo Fernández Asensio e Mariña Gueimunde, respectivamente; o alcalde, Alfredo Llano; Sergio López, xerente da OPP-7, e Miguel Neira, presidente de ABSA. O biólogo mariño Javier García Galdo foi o encargado de detallar os obxectivos e contidos dos materiais didácticos incluídos na iniciativa.

Os 132 estudantes de segundo de primaria dos CEIP Virxe do Carme de Burela, Fondo Nois de Foz e Península da Paz de San Cibrao tiveron ocasión de percorrer a lonxa de Burela acompañados por uns guías moi especiais: os famosos Bolechas, personaxes do debuxante Pepe Carreiro que, como os cativos ben saben e comprobaron tamén nesta ocasión, falan en galego nos libros, na tele e no contacto directo. A continuación, o alumnado asistente participou nun show cooking con Ana Oca, cociñeira finalista de Master Chef Junior, quen lles mostrou varios segredos de preparación do peixe e lles revelou a súa importancia para unha dieta saudable.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo