Foto Pleno Foto Pleno

O Pleno aproba un orzamento de 6M€ cos oito votos do Psoe

O Pleno de Lugo aprobou na sesión extraordinaria celebrada este venres tres expedientes de modificación de crédito que permiten consignar 6 millóns de euros para investimentos na cidade e subvencións ao tecido asociativo. Cos votos a favor do PSdeG, a abstención de PP, Lugonovo, BNG e ACE, e o único voto en contra de C,s, saíu adiante a desestimación das alegacións presentadas aos expedientes e a aprobación definitiva da consignación orzamentaria, que permitirá, entre outras actuacións a eliminación do tapón urbanístico da Avenida da Coruña, peonalizar Quiroga Ballesteros e a praza da Milagrosa, e acondicionar aparcamentos disuasorios na cidade e no entorno do HULA, así como executar os proxectos con financiamento da Unión Europea, como o EDUSI.

A Alcaldesa, Lara Méndez, subliñou que a aprobación dos expedientes de modificación de crédito “significa poder seguir investindo e transformando Lugo nunha cidade máis humana, cómoda e accesible, impulsar o seu desenvolvemento con propostas que ademais en moitos casos contan co respaldo plenario e sempre cun respaldo social”.

Subvencións: 1,7M€

O expediente referido a subvencións, correspondente ao Capítulo IV dos Orzamentos, suma 1,7 millóns de euros. A distribución das axudas por áreas é a seguinte: Servizos Sociais 253.957,64€. Muller: 32.360€, Sanidade 60.000€, Cultura 112.900€, Deportes 531.500€, Participación Cidadá 33.000€ e Ensino 30.000€.

Neste expediente inclúense as achegas a institucións, como a UNED (215.000€); Fundación de Feiras e Exposicións (46.153,85€); e Fundación Rof Codina (92.500€), e á Empresa Municipal de Vivenda e Solo (EVISLUSA), con 247.294,52€.

Investimentos: 4,3M€

Os outros dous expedientes, referidos a Capítulo VI e VII, de Investimentos e Transferencias de Capital, suman 4,3 millóns de euros e están destinados, por unha banda, a facer fronte aos proxectos que están cofinanciados, tanto coa Unión Europea, como o plan Life (Lugo+Biodinámico) e o EDUSI (Muramiñae), como coa Deputación, co Plan Único, e a Xunta, coa instalación dunha caldeira de biomasa na zona deportiva de Frigsa.

Así mesmo, inclúen investimentos imprescindibles para o día a día do Concello, como a compra de equipos informáticos, leasing de vehículos, gastos de iluminación, saneamento, ou mesmo, adquisición de sinais viarias.

Nestes expedientes, o Goberno contempla crédito así mesmo para a compra de instrumentos da Banda e a Escola Municipal de Música, para os novos pregos en licitación como o da xestión dos Museos ou que se prevé licitar, como os da ETAP e a EDAR, co fin de executalos con garantías.

Xunto a estes investimentos ordinarios, figuran a maiores outros proxectos como a peonalización da rúa Quiroga Ballesteros e a instalación dunha cuberta, a construción dun parking municipal xunto ao HULA, obras de mellora na Praza de Abastos, o acondicionamento de aparcamentos disuasorios, a eliminación do tapón urbanístico da Avenida da Coruña ou a peonalización parcial da Milagrosa, nas inmediacións da Praza.

Ordenanza de aproveitamento da vía pública

A Corporación municipal tamén aprobou no Pleno desta mañá de maneira definitiva, cos votos a favor do PSdeG e a abstención do resto dos grupos, a modificación da ordenanza 152, reguladora dos aproveitamentos especiais da vía pública, tras a estimación parcial das alegacións presentadas polas asociacións Lugo Monumental e APEC ao texto aprobado inicialmente na sesión plenaria de maio.

O voceiro municipal, Miguel Fernández, explicou que o Goberno local cumpriu o mandato plenario adoptado na sesión de xullo de non desestimar as alegacións, chegando a un acordo consensuado cos colectivos alegantes, “que mostraron unha actitude colaborativa”, e validada polos técnicos, que consistiu na eliminación do coeficiente de intensidade.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo