" />

Pontón propón axudas directas ás empresas afectadas polo incendio no Ceao

A portavoz nacional, Ana Pontón, visitou o Polígono industrial do Ceao para comprobar in situ os danos causados polo incendio que destruíu varias naves e valorar as medidas que se poidan adoptar para paliar os efectos da catástrofe e evitar que se perda nin actividade económica nin postos de traballo.

É un dos polígonos industriais máis importantes non só de Lugo senón tamén de Galiza e a prioridade é que se habiliten axudas directas ás empresas afectadas para que se recupere a normalidade canto antes e que non se perda ningún emprego, nin ningunha empresa porque non está nin Lugo nin o País para deixar polo camiño pulso industrial e produtivo no medio da maior crise económica e social en tempos de paz”, salientou a líder nacionalista.

Pontón indicou que ante a grave afectación que tivo o incendio en varias empresas, todas as administracións, -Xunta, Goberno central, Concello e Deputación-, “deben poñerse man a man a colaborar para restablecer o ritmo de actividade habitual no polígono do Ceao”, argumentou.

A portavoz nacional tamén expresou o total recoñecemento do BNG ao traballo levado a cabo por todas as persoas que, dun xeito ou outro, participaron na extinción, tanto os profesionais como os que se sumaron de maneira voluntaria, “porque a súa eficaz actuación permitiu que a catástrofe non fose maior”.

Pontón non quixo aventurar ningún tipo de hipótese ou conclusión, á espera de que finalice a habitual investigación tras un lume, máis aló de valorar a antigüidade do polígono industrial, -empezou a súa actividade fai 43 anos-, e que tras as conclusións desa investigación procederá analizar se hai que tomar algún tipo de medida para mellorar a seguridade, traballando man a man administracións e empresas.

O importante é que saquemos conclusións para evitar que esta situación se volva repetir ou, de ser así, que a actuación sexa o máis eficaz posible para minimizar danos”, concluíu, tras a visita na que estivo acompañada polo portavoz municipal, Rubén Arroxo, pola deputada por Lugo, Olalla Rodil, Maite Ferreiro e Efrén Castro, como responsables do BNG na Deputación.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo