O PP pide á alcaldesa que aclare a súa postura sobre a comarcalización dos bombeiros

O voceiro do Grupo Popular no Concello de Lugo, Antonio Ameijide, lamenta “o silencio da alcaldesa así como da Deputación” diante da proposta formal que lles presentou a Xunta, o pasado mes de xaneiro, para comarcalizar o parque de bombeiros do Concello de Lugo.

“No caso de Lugo a implantación deste servizo de emerxencias que dará cobertura a a sete concellos limítrofes que son Castro de Rei, O Corgo, Friol, Guntín, Outeiro de Rei, Rábade e Begonte suporá custe cero para as arcas municipais” aclarou o popular. Ameijide explicaba que o gasto necesario para o reforzo de persoal e a mellora de dotacións o asumirá a partes iguais Deputación e Xunta.

Nese senso os populares lamentan “o desinterese e a parálise de Lara Méndez” que é coñecedora desta proposta, dende o pasado mes de decembro, cando houbo un acordo entre Xunta, Federación Galega de Municipios e Provincias, e as deputacións da Coruña, Lugo e Ourense para avanzar na comarcalización dos parques de bombeiros das grandes cidades.

De feito Ourense e Santiago xa se pronunciaron sobre este sistema de resposta de emerxencias e “veñen de asinar os convenios previos para sentar as bases do novo deseño deste servizo que ten por obxecto acurtar os tempos de resposta na xestión das emerxencias nos concellos limítrofes coas capitais galegas a un máximo de 20 minutos”.

Para os populares sería interesante estudar a vía da comarcalización xa que “neste momento os bombeiros de Lugo, por solidariedade e por xenerosidade, xa realizan con frecuencia saídas fóra do concello cando hai emerxencias” polo que “de firmar o acordo regularizaríase esta situación”.

Ameijide puntualizaba que a proposta de comarcalización para Lugo suporía atender a unhas 123.000 persoas, percorrendo unha distancia media de intervención vai dos nove quilómetros de Outeiro de Rei aos 32 quilómetros de distancia de Castro de Rei nun radio de acción de 20 minutos e asumindo todos os novos gastos de xestión Xunta e Deputación.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com