Preto de 700 alumnos da provincia participarán na nova programación Referentes Galegas nas Aulas

A Deputada de Promoción Económica e Social en funcións, Sonsoles López Izquierdo, xunto á Presidenta e á Vicepresidenta da Asociación de Executivas de Galicia, Carla Reyes Uschinsky, e Lidia Enrich, presentaron, este xoves no Salón de Actos do Pazo de San Marcos, a programación Referentes Galegas nas Aulas, que se iniciará o vindeiro luns no IES Lamas das Quendas do Concello de Chantada. Esta iniciativa achegará a alumnos de entre 15 e 18 anos encontros con mulleres referentes en diferentes eidos profesionais, co fin de dar visibilidade, entre os mozos, ás mulleres profesionais da Comunidade Galega.

López Izquierdo sinalou que “o próximo luns iniciamos esta programación coa primeira das charlas, na que participarán a catedrática de Microbioloxía da USC, Alicia Estévez Toranzo, e a Directora da Escola da Paisaxe, Juana de la Vega, Isabel Aguirre de Úrcola. Este será o primeiro dos 14 encontros que retomaremos no mes de setembro co vindeiro curso escolar en diferentes centros escolares de toda a provincia. Esta programación é unha boa oportunidade para achegar, ás novas xeracións, mulleres referentes en diversos sectores profesionais, co fin de que os estudantes descubran novos ámbitos de éxito”.

O obxectivo desta programación é crear unha canle que impulse e visibilice, entre os estudantes, a todas as mulleres profesionais que hai na comunidade galega. Nestes encontros participarán referentes galegas que compartirán as súas experiencias con mozos de 4º da ESO, Formación Profesional e 1º curso de Bacharelato. Os alumnos poderán interactuar coas poñentes que responderán ás preguntas que lles expoñan en relación coas súas carreiras profesionais.

As poñentes de Referentes Galegas nas Aulas explicarán aos alumnos a súa traxectoria profesional e interactuarán con eles resolvendo as súas dúbidas. Estas serán actividades transversais nas que os participantes traballarán habilidades sociais e de comunicación, co fin de que esta experiencia sexa, ao mesmo tempo, educativa e formadora.

Esta programación enmárcase dentro do proxecto, posto en marcha por esta asociación, Referentes Galegas, que inclúe un amplo directorio de mulleres que pola súa traxectoria e valía, poden ser modelos a seguir. No vindeiro mes de setembro, retomarase este proxecto co inicio do novo curso escolar. Os 14 encontros realizaranse nas seguintes zonas da provincia: Terra Chá; Guitiriz; Castro de Rei; A Mariña; Terra de Lemos; Chantada; A Ulloa; Sarria; Becerreá; A Fonsagrada e Lugo.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com