Protección Civil aumentará a seguridade no Camiño Francés

A Xunta de Galicia vén de asinar candanseu convenio de colaboración coas Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil rexistradas nos catro concellos polos que discorre o Camiño Francés: Sarria, Portomarín, Monterroso e Palas de Rei.

Así, os voluntarios deberán levar a cabo actuacións en materia de prevención, promoción, divulgación, información e socorro, contribuíndo deste xeito á concienciación e información e seguridade dos peregrinos que elixan a que é a ruta xacobea máis transitada.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, sinalou que a Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza vén de renovar na provincia os convenios coas agrupacións de Sarria, Portomarín, Monterroso e Palas de Rei para o reforzo da seguridade, por un importe conxunto de 34.300 euros.

A contía a percibir depende da lonxitude do tramo asignado en cada caso. Así, a agrupación de Sarria recibe 17.400 euros para atender o treito entre O Cebreiro (Pedrafita) e Morgade (Sarria); a de Portomarín 6.800 euros e encárgase do percorrido entre Ferreiros (Paradela) e Ventas de Narón (Portomarín). Monterroso recibe 4.000 euros e atende entre A Previsa e Aireche, no mesmo concello, e Palas de Rei 6.100 euros para o tramo entre Portos e A Campanilla.

Traballarán en coordinación co Centro de Atención ás Emerxencias 112 Galicia, ao que informarán da súa actividade. En xeral, deberán prestar atención ás posibles incidencias do Camiño no seu termo municipal e en concellos limítrofes, garantindo a presenza física dos voluntarios nas horas de maior afluencia de camiñantes e de acordo á súa experiencia de anos anteriores.

Igualmente, colaborarán na prevención, apoio e cobertura en grandes eventos e concentracións derivadas de actos que teñan que ver coas peregrinacións, tanto nos seus respectivos concellos como noutros termos municipais.

Entre as actuacións concretas a desenvolver figuran o traslado de peregrinos feridos ou enfermos, asistencia de primeiros auxilios cando non sexa necesaria a presenza dun facultativo, busca de persoas, obxectos extraviados ou esquecidos, protección fronte a fenómenos meteorolóxicos adversos, aplicación de medidas de prevención e de mitigación de riscos e axuda puntual na resolución dunha situación anormal.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com