PSdeG di que a auga de Taboada non é apta para o consumo e na Pobra do Brollón pide axudas para os montes veciñais

A voceira municipal socialista, María Amo Díaz, presentou unha moción no Pleno de febreiro, para instar ao Alcalde, Ramiro Moure Ansoar, a revisar a salubridade da auga da rede de abastecemento municipal, que foi aprobada, a pesares das 7 abstencións dos membros do Partido Popular. “No Concello sempre houbo problemas relacionados coa calidade da auga, pero ao Alcalde e ao seu grupo de goberno, nunca lle interesou. Por iso, os socialistas encargamos un análise profundo que conclúe, literalmente, que <<La muestra no cumple, para los parámetros analizados, las especificaciones establecidas en la legislación>>. Isto indícannos que a auga municipal non é apta ”, sentenciou a voceira socialista.

A voceira explicou que algúns dos parámetros “superan con creces” os limites establecidos polo Real Decreto 140/2003. Por exemplo, a turbidez é de 9.7 cando debería ser de 5; ou o pH da auga, que está entre os 7 aos 15,7 ºC, cando debería non sobrepasar os 9,5. Deste xeito, os socialistas demandan “que Moure Ansoar tome cartas no asunto dunha vez por todas, xa que está a cobrar este servizo municipal a pesar de non ser de calidade”.

Pola súa banda o voceiro municipal socialista, Javier González, solicitou no Pleno de febreiro, que o Grupo de Goberno presuposte unha liña de axudas para aquelas Comunidades que teñan os seus Montes Clasificados pero que non teñan Convenio ou Consorcio algún coa Xunta de Galicia. “De feito, hai comunidades que ao non ter o monte producindo, non teñen cartos para poder pagar este Proxecto de Ordenación, por iso decidimos pedirlle ao Alcalde que nos próximos orzamentos se contemple unha liña de axudas para que estas Comunidades podan poñer o seus terreos forestais a producir e contribuír así a crear riqueza no Concello”, salientou Javier González.

Os socialistas entenden que a masa forestal que ten o Concello é unha das máis extensas da comarca de Lemos, polo que debería estar posta a producir. Mais, os veciños non poden facer fronte a ela por cuestións económicas e, polo tanto, “instamos ao Concello a tomar medidas antes de que sexa demasiado tarde”, destacou.

Ademais, o voceiro socialista solicitou, unha vez máis, no Pleno a documentación sobre a construción do muro na parroquia de Salcedo que a día de hoxe non recibiu aínda. “A pesares de que solicitamos esta información en varias ocasións, nin o Alcalde, nin o seu equipo de goberno a entregaron, reducindo así a capacidade de control que ten que exercer a oposición no Concello”.

 

 

 

 

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com