Raquel Arias competirá con Candia pola presidencia do PP de Lugo

A Delegada da Xunta en Lugo, Raquel Arias, confirmou este mediodía a súa candidatura para poñerse á fronte do PP provincial, un obxectivo no que se enfrontará á voceira do partido na Deputación e alcaldesa de Mondoñedo, Elena Candia. Unha noticia que nos últimos días era un segredo a voces, pero Arias quixo deixar claro que “nós non queríamos presentar a candidatura sen comunicarlles aos responsables das diferentes agrupacións locais as nosas intencións” e tampouco sen coñecer “a súa visión sobre o estado actual do partido e a súa opinión de como deberíamos afrontar esta nova etapa”.

Isto a pesar da “curta campaña que temos por diante”, xa que en menos dun mes deberán facer chegar as súas respectivas mensaxes aos militantes e aos compromisarios de cara ao congreso provincial do 6 de marzo. Arias tamén especificou que foi o pasado xoves co anuncio de José Manuel Barreiro de non optar á presidencia “cando para nós comezou a contar o tempo”.

Arias compareceu soa ante os medios de comunicación pero, especificou, “en representación dun novo equipo de traballo, conformado por militantes de base e  responsables institucionais e políticos”, aínda que non quixo desvelar máis nomes da súa lista porque “neste momento trátase de presentar á candidata a presidir o PP, máis adiante haberá tempo para dar a coñecer ao resto de persoas que integren a candidatura”, aínda que parece moi posible que o alcalde de Cervo, Alfonso Villares, teña un lugar destacado nesa lista.

“Renovación é apertura a novas ideas”

A ex alcaldesa de Sober dixo estar “en condicións de presentar a candidatura” ao ter xa os 75 avais necesarios, algo que, asegurou, “é fácil”. En canto ao proxecto para o partido, asegurou que “non é continuista, pero si aglutinador” e baseouno en dous piares: a renovación e a implicación da militancia.

A renovación, explicou, entendida “non como unha cuestión de idade ou cambio de caras”, senón como unha “apertura a novas ideas, aberta as distintas sensibilidades que conviven, como ocorre na sociedade, tamén no seo do noso partido, pero sobre todo como unha oportunidade para concibir a nosa organización como un organismo vivo”.

“Darlle voz á militancia”

A delegada da Xunta dixo asimilar a renovación coa participación. “Temos que darlle voz á militancia, ás bases, en consecuencia, fomentar a participación dos nosos afiliados en todas as decisións importantes que se adopten no partido” e especificou, “na actividade diaria do partido e non unicamente en período electoral”.

Autocrítica

Raquel Arias recoñeceu que dende o PP “non fomos capaces de estar á altura do que a cidadanía demandaba” aínda que “sen renunciar en absoluto ao noso pasado, porque todos somos e sentimos o Partido Popular”. Este é un dos motivos polo que, asegura, “insistimos tanto na renovación e na participación”.

Reflexión interna

Para Arias, a existencia de dúas candidaturas, “oxalá que haxa máis”, será beneficioso para o partido, “que sairá desta reflexión interna moito máis reforzado e máis acorde cos retos aos que nos obriga á transformación que experimentou a sociedade, sobre todos nestes últimos tempos”. A lucense dixo crer no debate interno como forma de “enriquecer o noso proxecto político”, que será sempre “entre compañeiros, nunca entre adversarios”.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com