Renda pide escoitar ao persoal da Residencia de Maiores de Vilalba co fin de pór “luz e taquígrafos” sobre a xestión do Covid

O voceiro de Vilalba Aberta, Modesto Renda, vén de solicitar por escrito á Alcaldesa que a testemuña dos traballadores/as da Residencia de Persoas Maiores de Vilalba sexa tida en conta, no marco do informe da xestión requirido ao Padroado da institución en relación co inicio do gromo de máis de cen persoas contaxiadas da Covid.

Unha opinión, que en palabras do edil é “fundamental” en aras da “necesaria transparencia” e a fin de “clarificar aqueles aspectos da xestión do centro que poidan complementar e/ou contradicir o argumentado pola xerencia”, en relación, entre outras, coa “situación de partida e actual dos/as residentes”; novas contratacións; situación laboral do persoal, cambios nas dinámicas de organización interna etc… Renda, que cualificou de “brinde ao sol” o comunicado do Goberno Municipal, lembroulle á Alcaldesa “a súa responsabilidade como membro nominal do Padroado” e contextualizou a súa solicitude na necesidade dar unha resposta “real e sen eufemismos” a usuarios/as e familias, así como “ao conxunto dos traballadores/as que, nos últimos días e por diferentes vías, contactaron con Vilalba Aberta para trasladar a súa indignación”.

“O valor máis importante dun centro son os seus traballadores e traballadoras e calquera intento de arroxar transparencia que os deixe ao marxe é, sinxelamente, unha estafa a familias e usuarios”, remarcou.

Así mesmo, e ao tempo que esixiu do Goberno Municipal que se “faga pública o conxunto da información extraída” non descartou a posibilidade de que, de non acadarse este obxectivo, o Grupo Municipal de Vilalba Aberta rexistre unha petición de comparecencia de cara ao vindeiro Pleno Ordinario de Xaneiro “que poña luz e taquígrafos sobre o ocorrido”. Para Renda, o acontecido na Residencia de Persoas Maiores non fixo máis que pór de manifesto o conxunto de eivas dun modelo de xestión “abertamente ineficaz”, así como a necesidade de “impulsar un cambio de paradigma que aposte por un envellecemento digno e a xestión pública deste tipo de centros”.

Nesta liña, avanzou a vontade de VA de, unha vez remita a crise sanitaria, abrir un debate serio e sosegado que, en contraposición coa “vía privatizadora do PP”, sitúe no horizonte a necesidade de “dar un golpe de temón claro” na xestión das residencias, apostando por xerar consensos amplos entre a veciñanza, a fin de, no seu momento, reivindicar coma Concello o seu rescate para o sistema público.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com