" />

Ribadeo fará a un recoñecemento público a Francisco Moreda que deixou a súa herdanza para o Hospital Asilo

O alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, anunciou que o Concello faralle un recoñecemento público a Francisco Moreda Pérez, quen quixo que os aforros e bens conseguidos na súa vida servisen para mellorar e facer un entorno máis agradable na vida doutros moitos veciños e veciñas, que un día foron del, a través da mellora do Hospital Asilo. O investimento a realizar nas obras de mellora nesas instalacións ascenderán a 1 millón e medio de euros. Aínda que as cifras da herdanza son importantes non son suficientes para cubrir o custe desa reforma.

O rexedor ribadense contou que “na comisión informativa, celebrada onte, para dar contido da herdanza aceptada do señor Francisco Moreda Pérez, coa fin de destinala ao Hospital Asilo Municipal, estivemos xunto cos corporativos, tamén os técnicos municipais actuais, os que anteriormente desempeñaron os cargos de interventor e tesoureiro nos meses anteriores, así como o avogado que estivo ao tanto das tramitacións da aceptación e da adxudicación da herdanza. Demos conta, polo miúdo, de todos os pasos dados para identificar os bens que esta persoa dispoñía, pois no testamento deixou dito que todos os seus bens foran para o Hospital Asilo, polo que o Concello de Ribadeo como titular do Hospital Asilo é quen debe velar para cumprir este seu desexo”.

Suárez Barcia explicou que “en canto aos bens inmobles legou o cen por cen dun céntrico piso na rúa Reinante, en Ribadeo, así como o cincuenta por cento indiviso do fallado deste edificio. Desde o Concello encargamos tres taxacións diferentes. Unha á Deputación Provincial, outra aos propios técnicos do Concello e unha terceira externa. A partir de hoxe, todos os interesados poderán ver os detalles na páxina web do Concello, concretamente no perfil do contratante ou tamén na plataforma de contratos do estado. Para isto poderán presentar ofertas en sobre pechado que será dun mes, a partir de mañá. O prezo de saída son 210.000 euros para o continente e 30.600 euros para o contido. Tamén esta persoa tiña como bens mobles un vehículo Ford EcoSport que foi entregado, xa o pasado 7 de novembro, á congregación relixiosa que xestiona o Hospital Asilo”.
O rexedor manifestou que “tamén debemos dicir que, segundo os técnicos municipais, todos os gastos que a aceptación dunha herdanza xeren deberán ir a beneficio de inventario, isto é deberán detraerse da cantidade final efectiva. Neste caso, os diversos custos que obran tamén no expediente, como o pagamento de rendas pendentes desta persoa no apartamento no que vivía en Cataluña, o transporte dos enseres que alí tiña para Ribadeo, os honorarios dos avogados, a notaría, o rexistro, as taxacións dos inmobles, etc…, ascenden a unha cantidade de 22.972 euros”.

Fernando Suárez sinalou: “en canto ao destino da herdanza, dado que estamos obrigados a cumprir a vontade desta persoa, vai ser o investimento de todo este patrimonio na mellora, no arranxo e na adaptación do Hospital Asilo, e por todo iso quixemos simultaneamente, en todo este tempo, elaborar o proxecto técnico para adaptar ás normativas actuais o edificio. Para iso, o técnico municipal cifra o conxunto das obras necesarias en 1.500.000 euros, sen ter en conta o valor do mobiliario, dado que será necesario instalalo novo despois da importante actuación de modernización do edificio que se vai facer. Para iso, lévase varios meses traballando e coordinando coa Consellería de Política Social para que dea o visto e prace a este proxecto. Precisamente, no día de onte, mantívose unha nova xuntanza técnica para ultimar os detalles deste ambicioso proxecto”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo