Ribadeo recibe o PIA, necesario para abrir a residencia da terceira idade

O Concello de Ribadeo acaba de recibir o Permiso de Inicio de Actividade (PIA) para a residencia de maiores, que lle vén de conceder a Xunta de Galicia. Para o alcalde ribadense, Fernando Suárez, “despois de moitos meses de traballo e de moita ilusión, recibimos o PIA, que nos concede a Xunta, desbordada pola realidade das cousas”. O rexedor  subliña que este paso ven confirmar que “fixemos todo ben” e agora toca seguir ultimando os preparativos para a apertura da residencia de maiores de Ribadeo.

Suárez Barcia lembrou que a Xunta “durante estes anos de loita continua de todo un pobo por ter unha nova residencia, non aportou un céntimo”, pero agora “desbordada pola realidade das cousas” finalmente acaba de outorgar ao Concello a luz verde, o PIA.

O alcalde contou como hai uns días, técnicos da Xunta visitaron as instalacións para revisalas e detectaron pequenas carencias como a falta dun taboleiro de anuncios e de 24 mesiñas auxiliares; eivas que o rexedor se comprometeu a resolver de maneira “inmediata” a través dunha declaración responsable. “Poñeremos o taboleiro de anuncios como nos mandaron e esas vinte e pico mesiñas auxiliares, e algunha cousiña menor tamén”.

“Aínda que se quixeran meter atrancos as cousas van saíndo cando se fan ben, e sobre todo cando se fai cooperando e coordinando, tal e como viñemos facendo ao longo destes anos con todos aqueles que quixeron, e poño de referente outra vez á Deputación de Lugo. Porque ademais esta maneira de traballar é a que a xente merece, a cidadanía ponnos cando tocan as eleccións para que intentemos facer o mellor polo propio pobo”, sentenzou Suárez Barcia.

O rexedor, que cualificou como “victoria moral” a recepción deste documento, convidou á Deputación de Lugo a unha xuntanza “de maneira inminente” para ultimar os pequenos detalles que quedan, crear comisións de seguimento e para abrir o prazo das listas para que os posibles usuarios poidan ir anotándose. “Entendo que nos próximos días seguiremos dando noticias para que isto, o soño colectivo de Ribadeo, vaia ser unha realidade sen dúbida, e como dicía Uxío Novoneyra, naquel poema tan famoso, a forza de noso amor non pode ser inútil, e non o vai ser, desde logo”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com