" />

Rodil: “a consellería de educación ten que asumir as competencias das escolas infantís”

A candidata do BNG por Lugo, Olalla Rodil, mantivo un encontro con familias lucenses para presentar as propostas do BNG para a formación das nenas e nenos de 0 a 3 anos. Rodil defende “o traslado das competencias das escolas infantís á consellería de educación, para que teñan un proxecto educativo único e universal na Galiza ademais de favorecer a conciliación”.

“As escolas infantís, como parte do sistema educativo público, deben ser gratuítas para garantir o acceso de todas as persoas, independentemente dos seus recursos”, declarou Olalla Rodil, que propuxo aumentar os recursos actuais destinados a esta rede “para garantir que se cubra a totalidade do territorio galego e que conte ademais cun programa específico de atención temperá para as crianzas en situación de dependencia”. “Deben contar tamén cun plan educativo específico con contidos que faciliten a aprendizaxe do galego para sacar á nosa lingua da situación de emerxencia na que se atopa na actualidade”, afirmou a candidata.

Olalla Rodil defendeu a necesidade de contar con servizos que potencien a “conciliación e corresponsabilidade” para facilitar a homes e mulleres desenvolver as súas responsabilidades familiares e laborais. Neste sentido, cualificou os últimos anos como unha “década perdida” por non atender a crecente demanda neste ámbito.  Olalla Rodil afirmou que “a vindeira lexislatura debe apostar pola conciliación e servizos públicos de calidade”. “Contar con escolas infantís gratuítas e prazas suficientes será unha prioridade política para o BNG”, reiterou Olalla Rodil.

A candidata do BNG afirmou que “o goberno do BNG será un goberno pensado por e para Galiza, e para todas as galegas e galegos”. Olalla Rodil afirmou que “o maior acto de protesta contra estes últimos 11 anos de recortes do Partido Popular é ir votar ao BNG este domingo”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo