Sáenz de Santamaría: “Estou aquí para que o goberno de Sánchez dure o menos posible”

A candidata á presidencia do PP, Soraya Sáenz de Santamaría, está hoxe en Lugo para continuar coa súa campaña ás primarias do partido. Tras un paseo polo centro da cidade e unha comida nun dos restaurantes da rúa da Cruz, a que foi vicepresidenta do Goberno, compareceu ante afiliados, militantes e simpatizantes, na sede provincial do Partido Popular na cidade, onde asegurou ante os medios de comunicación, que se presenta ás primarias co fin de que “o goberno de Sánchez dure o menos posible”. Ante a insistencia dos xornalistas, Sáenz de Santamaría aclarou que a súa proposta é abrir o Partido Popular a máis xente e crear unha ampla base social: “Temos que ser o mellor partido, temos que renovarnos, pór xente máis nova e modernizarnos”.

Soraya Sáenz de Santamaría criticou tamén as propostas presentadas por outros candidatos na carreira polas primarias. “O PP o que  ten que facer é ampliar a súa base. Que quere dicir? que dentro do noso partido popular hai moita xente nun espectro moi amplo. Hai xente que se define como máis conservadores, témos xente dun espectro máis liberal, uns máis de centro, outros máis de dereitas… Eu creo que  o noso partido pode englobar a esa inmensa maioría de españois que se poden identificar cunhas políticas que defenden a liberdade, a igualdade de oportunidades, o mérito, o esforzo, que defenden a moderación… Eu sei que hai candidatos que propuxeron posicións probablemente máis situadas nun discurso un pouquiño máis tradicional do PP, aínda que logo diríxeno á xente máis nova. O que non deixa de ser unha contradición”, asegurou a popular.

Ademáis de mandar unha mensaxe de loita polo Goberno Central, esta tarde, Sáenz de Santamaría asegurou que a xente “dínos pola rúa que temos que recuperar o goberno” e aclarou que eso é o que pensa facer, comezando porque o PP colla forza. “Eu creo que o máis importante, é que despois desto se faga unha campaña de afiliación, porque hai moita xente que quere agora axudar ao PP a que o goberno de Pedro Sánchez, sexa do menor tempo posible porque canto menos tempo, menos dano”.

Doutra banda, a popular gabou o traballo “dos compañeiros de Lugo en Madrid”, referíndose así ao voceiro no Senado, José Manuel Barreiro, e lembrou “que no Senado temos maioría absoluta e aí poden parar moitas das aventuras que poida ter o señor Sánchez”. 

O partido

A ex vicepresidenta do Goberno de Rajoy quixo aclarar tamén que non se pecha a posibles fusións entre distintas candidaturas á presidencia, “incluída Cospedal, a primeira” sempre e cando, concretou, “sexa en positivo” pois “son moi partidaria da integración e da xenerosidade”.

En canto ao Partido, Soraya Sáenz de Santamaría asegurou que “chegou o momento” de que os grupo popular “se abra e amplíe a súa base social”. A candidata considera este punto moi necesario para poder cambiar a imaxe máis tradicional do partido no que “a base central, a base de Génova, marcaba moitas cousas” e centrou o discurso en buscar un PP “que se pareza ao que é a España das autonomías e ao que é Galicia”.

“O PP gañará se somos capaces de ampliar esa base social que as veces puido votar a Cidadáns, porque non atopou en nós o que quería atopar en nós. Eu quero que volvan a atopar no PP, o que é o PP. O mellor PP, un PP no que o comodín da corrupción xa non sirva”, aclarou Sáenz de Santamaría, quen fixo un chamamento ao actual presidente do Goberno, Pedro Sánchez a dar explicacións de por que “o presidente da Deputación de Valencia, alcalde do seu partido, está detido por corrupción”. Unha moeda de cambio, esta da corrupción, “que lle serviu a Sánchez para asinar unha moción de censura en contra dunha maioría”.

Por último, a candidata á presidencia do Partido Popular, considerou “unha cuestión moi importante” que a primeira muller que sexa presidenta do Goberno de España “poda ser, precisamente do PP”.  Certo é que para iso, aínda queda moito pero, “dende logo, eu estou disposta a facelo”. “O resto fan discurso, nós presentamos candidatas”, concluíu Soraya Sáenz de Santamaría.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com