Sanidade encarga a Tragsa a obra de demolición do antigo Xeral

A Consellería de Sanidade vén de encargar á empresa pública Tragsa a obra de demolición do antigo Hospital Xeral, para a que destina un investimento de 3,2 millóns de euros.

Así o avanzou esta mañá o delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, quen explicou que o Goberno galego segue a dar pasos para facer realidade a dotación de novos servizos para a cidade de Lugo, en particular, no barrio da Residencia.

Cómpre lembrar que está obra de demolición conta xa co proxecto técnico, co visto e prace da Dirección Xeral de Patrimonio o so queda pendente que o Concello outorgue a licenza municipal, xa solicitada, para poder dar inicio aos traballos de demolición.

Balseiro reitera a súa petición á administración local para que actúe coa mesma dilixencia e boa disposición que o fai a Xunta para que estas iniciativas tan importantes para a cidade poidan ser unha realidade no menor tempo posible.

A demolición do edificio do antigo Hospital Xeral, instalación hoxe en desuso tras a posta en marcha do Hospital Lucus Agusti, permitirá liberar os espazos nos que a Xunta ten previsto desenvolver a futura residencia para persoas maiores e tamén, no caso de que así o concrete o Goberno central, reserva unha dotación para a futura comisaría.

O novo barrio da Residencia, é un ambicioso proxecto que incluirá a maiores o primeiro centro integral de saúde de Galicia (aproveitando as instalacións do antigo hospital Materno-Infantil, e pendente tamén da licenza municipal), a nova oficina central de emprego e formación, a aceleradora aeronáutica vinculada a Rozas e os servizos de climatización cunha central común de biomasa.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com