Sensibilidade química múltiple

Teño amigas aqueixadas de sensibilidade química múltiple (todas as que coñezo son mulleres), que se habitualmente teñen a vida difícil, nestes tempos esa dificultade vese agudizada pola situación que a todos nos afecta.Todas as enfermidades provocan atrancos para a vida diaria, que soportamos na medida das nosas posibilidades, pero esas dificultades temos que relativizalas cando sabemos de especiais casos problemáticos.

Quen padece “Sensibilidade química multiple” ten que vivir como nunha burbulla, por ter hipersensibilidade a todos os elementos químicos que pululan pola atmosfera, e mentras que o organismo dos que non temos ese problema foise adaptando ás impurezas que nos asaltan a cotío, estas persoas sofren agresións continuas que lles impiden estar ó aire libre, facer calquera actividade exterior, condenadas de por vida ao confinamento.

Para moitos de nós son unha incomodidade as mascariñas coas que temos que protexernos temporalmente, mascariñas que as aqueixadas de S.Q.M. teñen que levar permanentemente xa non para non contaxiar ou ser contaxiadas senón para poder vivir. Son mascariñas con válvulas exhalatorias imprescindibles na súa vida diaria, que a Consellería de Sanidade ven de prohibir (agás para usos profesionais) por unha resolución publicada no DOG o pasado sábado, polo que se consideran condenadas a unha especial prisión que agravará o seu permanente problema.

                   Xa que supoño ás autoridades sanitarias unha sensibilidade polos problemas similar á hipersensibilidade das miñas amigas, ao mellor cando esto se publique xa teñen amañado o desaxuste. Deséxoo ferventemente.

 



Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com