Si, hai saída pide non obviar “certos matices” ao pedir un Xulgado de Violencia de Xénero

Desde a asociación Si, hai saída contra a violencia de xénero, en relación coa demanda dun Xulgado específico de Violencia de Xénero para Lugo, reiteradamente manifestada desde diversos eidos, e en particular desde algún grupo político, desexamos manifestar, ademais da nosa opinión sobre a devandita demanda, certas puntualizacións que, malia ser, no noso xuizo, de vital importancia e ser expostas, tanto públicamente como a quen compete, desde o noso colectivo, en numerosas ocasións, ninguén semella ter en conta, co perigo que isto implica.

En primeiro lugar, queremos deixar claro que, por suposto, e como non podería ser menos, pensamos que Lugo debería contar con un Xulgado específico de violencia de xénero, se ben entendemos que, ainda no caso de ser viable esta demanda, non podemos esquecernos de certos matices a ter en conta e que non poden, ou non deberían ser obviados, como é o caso das mulleres vítimas de violencia de xénero da provincia que se vería obrigadas a desplazarse a Lugo para todas as xestións de índole xudicial, co conseguinte trastorno que isto implicaría para elas, e que non faría se non agravar a situación de tensión e de vulnerabilidade na que xa se atopan, eso no mellor dos casos, no que fora posible ese traslado, algo que non sempre é tan doado para elas.

Por outra banda, e aquí entramos de cheo en algo moi serio e que pode ser fundamental, e do que, malia que hai moito tempo que tentamos concienciar tanto a institucións, como a partidos políticos, e, en xeral, a todos cantos xogan algún papel na asistencia a vítimas de violencia de xénero, estamos a constatar que ninguén semella escoitalo, e se continúa ignorando. A creación dun Xulgado específico de Violencia de Xénero en Lugo non vai servir de nada se antes non se tenta arranxar o primeiro e VITAL chanzo para que as mulleres vítimas da violencia machista cheguen a él: A atención recibida cando acuden a denunciar, e a posterior protección, algo que, desde hai xa moito tempo, non se está a levar a cabo en condicións, e malia que desde Si, hai saída son numerosas as veces nas que demos a voz de alarma, ninguén semella darse por enterado, nin moito menos ter interés en arranxalo.

Se esta atención non é a correcta, se a muller se sinte cuestionada, cando non culpabilizada, se non conta coa mínima intimidade a que ten todo o dereito cando acude a poñer a denuncia, se non pode ter con ela a persoa que desexa que a acompañe, se non se lle garante a protección que precisa con posterioridade ou non se leva a cabo, é inútil cantos Xulgados se cheguen a crear, porque, obviamente, moitas delas desistirán de continuar adiante co proceso, co evidente perigo que isto pode implicar para as súas vidas, e, en moitos casos, para as dos seus fillos.

Tampouco semella ser tido en conta o feito de que, as medidas que o xuíz toma, entre as que se contan, por suposto, as de protección, se basean, sobre todo, na información recollida dos atestados policiais, polo que, se unha denuncia no é correctamente recollida, e non transmite a situación de posible risco real da vítima, as consecuencias poden ser moi graves, cando non irreparables.

Lamentablemente, isto non ven se non a deixar patente o descoñecemento tan grande e tan lamentable que ainda existe sobre a realidade destas mulleres, e, o que é peor, o desinterés por chegar a coñecela. A loita contra a violencia de xénero hai que comezar a construila, como todo na vida, sobre unha base sólida, e tentando acadar SEMPRE o mellor para as vítimas e para os seus fillos.

Obviamente, as grandes causas, as peticións de mais ensulla, sempre teñen un eco mediático que non acada, por suposto, o traballo que comeza pola base e que non sempre xenera simpatías, pero esta loita nunca, baixo ningún concepto, se debería empregar como ferramenta electoral, esquecendo os aspectos mais básicos e elementais, e antepoñendo os que teñen, por razóns evidentes, mais sona. Desde Si, hai saída, dixémolo en moitas ocasións, e non nos cansaremos de repetilo: ESTAMOS A FALAR DE VIDAS.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com