Socialistas de Cospeito denuncian as deficiencias estruturais da Casa da Cultura

O PSOE de Cospeito esixe ao alcalde que arranxe integralmente a Casa da Cultura de Feira do Monte que se atopa nun estado “moi deficiente”. A voceira socialista, Rosa Morán, explicou que a formación recibiu numerosas queixas de veciños que empregan a diario as dependencias, “posto que cando chove hai goteiras e humidade debido á situación actual do tellado”. Na Casa da Cultura está situada a biblioteca, o salón de actos e unha cafetería.

“Cónstanos que tanto a caldeira como todo o sistema de tubaxes está sumamente danado o que provoca numerosas fugas de auga, incluso cando non está a calefacción acendida. Recentemente caeu a cornixa da parte superior da fachada o que puido ocasionar un accidente de gravidade si lle cae a algún veciño encima”, informou a voceira socialista.

Os socialistas advertiron que o actual arrendatario da cafetería presentou un escrito no Concello facendo constar as queixas polo estado das instalacións, sobre todo da cociña e o almacén, pero non recibiu ningún tipo de resposta por parte do alcalde ou do seu equipo de goberno.

Rosa Morán denunciou que “todo isto ven ocasionado pola falta de mantemento por parte do goberno do PP en Cospeito, que nin se preocupa por atender as instalacións públicas que son competencia súa, dando unha imaxe pésima do Concello e ofrecendo aos cidadáns unhas prestacións deficientes”.

A voceira do PSOE informou que os socialistas esixirán ao alcalde no próximo pleno da corporación que realice todos os traballos necesarios para solucionar as imperfeccións que presenta o edificio da Casa da Cultura, en Feira do Monte. Tamén preguntarán pola situación do contrato da cafetería.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com