Sra. Presidenta. A vangarda da igualdade

Cando alguén entra en política faino, as máis das veces, por defender unhas ideas e, se se dá o caso, ocupar cargos de responsabilidade por sentírense capacitados/as para elo. Polo que non  desbotan ningunha posibilidade no tocante a postularse ou aceptar este ou aquel posto. Isto ademais de ser lexítimo é lícito.

O que acabo de dicir ven a conto da situación na que se atopan nestes intres os socialistas lugueses por mor das  postulacións feitas para ocupar o cargo de presidenta/e da Deputación de Lugo que deixa José Ramón Gómez Besteiro, quen,  por outra banda, tamén se postula para ocupar outro cargo, o de presidente da Xunta.

Tanto Lara Méndez como Manuel Martínez e González Santín teñen todo o dereito a dar un paso á fronte, eu diría máis, a obriga de facelo, para ocupar ese posto porque, sen dúbida, séntense capacitados para desempeñalo e, polo sabido, calquera dos tres ten demostrado suficientemente a súa valía.

Así as cousas, déixenme que lles faga unha reflexión. Pensen por un momento, diríxome ao xénero masculino, daríanse estes datos se viviramos nunha sociedade igualitaria?: só hai unha muller por cada nove homes en altos cargos. Que facer ante uns números tan demoledores?, tentar buscar canto antes fórmulas que revertan esa situación. E para elo calquera posibilidade que se nos presente deberémola aproveitar de contado.

Nesa loita por chegar a unha sociedade igualitaria e polo tanto máis xusta é necesario o concurso de todas as persoas que están a favor dos dereitos humanos, xa que sen igualdade de xéneros non hai posibilidade de que existan tales dereitos. Polo tanto, debe ser dende a  “res pública”dende onde se deba dar exemplo, incentivando políticas favorecedoras tanto do empoderamento da muller como da igualdade de xénero, para que sirvan de alicerce ao desenrolo da sociedade.

As formacións políticas progresistas foron pioneiras no apoio ás loitas pola emancipación feminina, aplicando políticas de paridade nas súas listas ou designado a mulleres para cargos de responsabilidade, por poñer dous exemplos. Malia isto, aínda que importantes, foron medidas a todas luces insuficientes para acabar coa discriminación do xénero feminino.

Por iso agora que unha muller ten a posibilidade de ocupar un cargo relevante como o de Presidenta da Deputación de Lugo pode que sexa o momento de propiciar esa designación, nomeadamente dende o lado dos seus dous compañeiros e facer que Lugo sexa a primeira provincia galega en contar cunha muller no cumio dunha institución. Sería un claro signo de modernidade e de progreso e situaría á nosa provincia na vangarda da loita por conseguir unha sociedade máis xusta e igualitaria.

Non, non se equivoquen, non estou a falar de galantería masculina, nin de sexismo, estou a falar de xustiza.

Porque foron elas, as hippies dos 60, as que deron pé á revolución sexual, porque elas foron quen  de falar apaixoadamente de política nos 70 , son elas, en fin, as que cada día tentan facer  un mundo mellor. E a pesares do desleixo e a sen razón coa que actuamos, nunca nos miran como a un inimigo.

Eloi Caldeiro.

 

 

 

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com