Terra Nova abrirá a tempada cun DJ sinfónico e pecharaa coa súa primeira ópera

A Xove Orquestra de Lugo Terra Nova presentou este mércores no Concello a súa tempada 2026-2027, titulada Da Capo. A programación combinará concertos, un concurso de solistas e actividades de formación. O Concello de Lugo colaborará no financiamento de varias das propostas.

A primeira cita será o 6 de outubro, ás 21.00 horas, na praza de Santa María, onde a orquestra actuará con La Vera Notte nun formato de DJ sinfónico coincidindo co San Froilán. En decembro chegará o Concerto de Nadal, unha actuación especial para a agrupación, que iniciou a súa actividade hai catro anos cun concerto destas características. Nesta ocasión interpretará a suite de O crebanoces, de Tchaikovsky, coa participación do solista Nikita Burzanistsa.

Entre novembro e decembro, Terra Nova organizará un concurso para seleccionar dous solistas: unha persoa integrante da orquestra e outra procedente dunha agrupación diferente. Ambos participarán no posterior Concerto de Solistas, no que tamén actuará como convidado Maksym Artemenko.

O peche da tempada, previsto para xuño, suporá un novo paso para a formación: interpretará por primeira vez unha ópera, Così fan tutte, de Mozart. A vertente formativa continuará en agosto cunha nova edición do Curso de Especialización Orquestral. Ademais, Terra Nova volverá participar como cuarteto nas actividades de Candlelight.

A alcaldesa de Lugo, Elena Candia, felicitou a agrupación polos seus catro anos de actividade e á nova directiva, presidida por Marta García Alvariño. Destacou a variedade da programación e o papel de Terra Nova na creación de oportunidades de formación e interpretación para os seus músicos.

“Para o Concello é importante estar ao lado dos proxectos culturais que nacen e medran na nosa cidade. Terra Nova está creando oportunidades de formación e de interpretación para os seus músicos, e queremos seguir participando no financiamento de varias das súas propostas e acompañando este traballo.”Rematou.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com