Toque de queda

Había tempo que non se falaba dun “toque de queda” nestas terras, reservándose o concepto para conflitos relatados polos corresponsais estranxeiros dos medios nacionais no caso de catástrofes, golpes de estado ou algaradas, xa que o “toque de queda” veu sendo solución militar para pechar de noite aos habitantes dunha zona ou país, máis difíciles de controlar que polo dia.

O único recordo que temos dun “toque de queda” é o fugaz de Valencia no 23F cando Miláns del Bosch quixo solucionar “manu militari” os problemas que coidaba tiña España, apoiando o intento de golpe de Antonio Tejero.

Pero a Covid19, que trastocou tantas cousas, sorpréndenos coa versión pacífica do que se aplica en tempo de guerra. E non é estraño, xa que loitamos contra un inimigo invisible, co que non valen as armas tradicionais.

Non é que o goberno tivese un rauto autoritario, senón que para evitar excesos nocturnos, varias autonomías consideraron que pode ser solución axeitada se fallan as que dependen da prudencia. Cada vez que aparece un bo día, en multitude saímos desfrutar do sol, do aire, da liberdade, e sen que sexa patrimonio da mocidade, a policía atopa festas e xuntanzas clandestinas nas que non se respectan as normas coñecidas para evitar a expansión da enfermidade, e pola causa que sexa ou a conxunción de varias, volvemos vivir tempos difíciles.

Temos xa “toque de queda”, como mal menor para evitar situacións máis graves xa que pecharse de noite non é gran problema ao contemplarse as excepcións oportunas. O peor é a connotación do nome, xa que o máis duro de aceptar do “toque de queda” é chamarse así.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com