" />

Traballo e Benestar oferta 1.440 prazas en campamentos de verán na provincia de Lugo

A oferta de prazas en campamentos de verán da Xunta de Galicia na provincia de Lugo medrou en preto dun 15% nos últimos dous anos.

Así o explicou hoxe a delegada territorial, Raquel Arias, quen avanzou que a Consellería de Traballo e Benestar ofertará 1.440 prazas nos campamentos e 1.895 no conxunto da campaña de verán, que inclúe ademais campos de traballo, actividades para maiores de 18 anos e a oferta concertada.

Arias explicou que “para poñer en marcha todas estas actividades, a Xunta investirá na provincia 583.000 euros, un financiamento que permitirá, ademais, a contratación de arredor de 250 persoas para as actividades de tempo libre e as tarefas de limpeza e restauración nos campamentos”.

A campaña de verán introduce como principal novidade o proxecto IMPLÍCA-T, unha nova programación en campamentos para os maiores de 14 anos. No seu conxunto, apuntou a delegada, “os nenos e a mocidade lucense terán acceso a 8.500 prazas en 19 albergues e campamentos da xeografía galega, e tamén poderán optar a prazas noutras comunidades autónomas como País Vasco, Castela e León, Estremadura e A Rioxa; os campos de traballo ofrecen incluso a posibilidade de trasladarse a outros países”.

A duración das quendas, que terán lugar entre xullo e agosto, variará en función da idade dos participantes e das características dos campamentos e oscilará entre os 8 e os 12 días.

Polo que respecta á oferta propia da provincia de Lugo, as 1.440 prazas dos campamentos estarán distribuídas entre o albergue xuvenil Area, de Viveiro; o albergue xuvenil Benigno Quiroga, de Portomarín; o campamento xuvenil da Devesa, en Ribadeo; o de Os Chacotes, en Palas de Rei; o poboado dos Peares, en Carballedo, e a residencia xuvenil Lug II, na capital.

Por primeira vez, porase en marcha nos campamentos o proxecto IMPLÍCA-T para mozos entre 14 e 17 anos. Neles, ademais das tradicionais actividades de ocio e tempo libre, os participantes contarán con outras accións como a participación na conservación de espazos, a colaboración na sensibilización contra os incendios forestais ou dinamización do camiño.

Pola súa banda, os máis novos, de entre 9 e 13 anos, poderán participar en campamentos de temáticas moi diversas como aqueles de carácter náutico, de expresión cultural ou de multiaventura.

Dentro das actividades para maiores de 18 anos, o centro da Xunta Lug II albergará na primeira quincena de xullo aos participantes do programa “Conecta con Galicia”, unha iniciativa de convivencia entre participantes galegos e participantes da Galicia exterior.

Como todos os anos, a consellería de Traballo e Benestar colabora coa Secretaría Xeral de Emigración para facilitar a participación de descendentes de emigrantes galegos, e reservaranse prazas para colectivos específicos que serán xestionadas pola Secretaría Xeral de Igualdade, a de Política Social e a Dirección Xeral de Familia e Inclusión.

Todos os campamentos serán en réxime de manutención en pensión completa e contemplan o material necesario para cada actividade. O prazo de inscrición estará aberto ata o 8 de abril. Entre todas as solicitudes, realizarase un sorteo público ante notario.

A Xunta publica tamén a oferta concertada. A través desta fórmula, Xuventude pon as súas instalacións a disposición de concellos, asociacións xuvenís, grupos informais de mozos e mozas e outros colectivos para que organicen as súas actividades.

A programación da campaña de verán inclúe tamén os campos de traballo, cuxa convocatoria estará dispoñible o próximo mes. Esta experiencia de voluntariado e mobilidade contará con máis de 700 prazas, tanto de acollida, en campos organizados en Galicia, como de partida, 260 prazas que se distribuirán entre outras comunidades autónomas (110 prazas) e en máis de 25 países de todo o mundo (150 prazas).

En Lugo organizaranse tres campos de traballo que suman 70 prazas. En concreto, son proxectos de carácter medioambiental e social ou etnográfico, que xirarán en torno á Casa da Neveira en Xermade, o Camiño de Inverno en Quiroga e o castro de Castromaior en Portomarín.

Galicia terá outros campos de traballo nas Illas Cíes, Cotobade, Ribadumia, Illa de Cortegada (Vilagarcía), Riós, Muíños, Celanova, Vilar de Barrio, A Peroxa, Outes, A Laracha, Ponteceso, Boqueixón, Rois e Padrón.

As quendas serán de 10 ou 12 días ao longo do verán e os voluntarios poderán participar en actividades ambientais, etnográfica, sociais, arqueolóxicas ou de fomento do emprendemento. Poderán participar mozos e mozas galegos, residentes noutras comunidades autónomas, procedentes de países estranxeiros, así como voluntarios da Galicia exterior.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo