Tres charlas e o concerto de De Vacas, nunha xornada pola igualdade no CIFP Porta da Auga

O Centro Integrado de Formación Profesional Porta da Auga, de Ribadeo, organiza unha xornada pola igualdade, que foi presentada hoxe, venres, no centro. Inclúe tres charlas a cargo de expertos e un concerto do grupo De Vacas. Será o vindeiro xoves, 6 de febreiro, no auditorio municipal Hernán Naval, con entrada libre e gratuíta.

Na presentación o director do Porta da Auga, Isidro Berdeal, anunciou que “as xornadas pola igualdade están organizadas desde a Comisión de Igualdade do centro en colaboración co Comité Lila do IES Dionisio Gamallo Fierros, de Ribadeo, o propio Concello de Ribadeo e tamén co IES de Foz. Nestas xornadas vai haber unha serie de ponencias que foron organizadas a través do plan de igualdade do centro”.

A primeira ponencia será a cargo de Martina González Veiga, psicóloga xeral sanitaria especializada en sexoloxía. Baixo o nome El silencio también educa: la mala educación sexual, o colexio pretende chegar ao alumnado adolescente e “que teñan un coñecemento do que é a educación sexual, sobre todo sana e responsable, e todo vinculado ao papel que exercen eles dentro da sexualidade e na sociedade”, explicou Sara González, profesora que coordina a Comisión de Igualdade do centro ribadense.

A continuación unha das representantes do alumnado na Comisión de Igualdade do Porta da Auga, Lucía Díaz, engadiu que “a segunda ponencia será Masculinidades Igualitarias, que será impartida por Pepe Cabido Pérez que é un profesor de Filosofía, tamén é membro do Equipo de Igualdade do IES Fontexería, de Muros, e ademais é experto en masculinidades igualitarias”.

Outra das representantes do alumnado do Porta da Auga, Melina Santamaría, comentou que “a charla que vai haber desde as catro e media ata as seis da tarde, que se chama A igualdade é lei, hai que cumprila vai ser impartida por Marian Moreno Llaneza, profesora de Lingua Castelá e Literatura desde o ano 1990 e que posúe unha ampla formación en igualdade, ademais con experiencia profesional como asesora técnica docente no centro de profesorado de Avilés. A charla vai ir sobre coeducación, que é importante educar desde a igualdade e que as persoas poidan escoller libremente a súa formación sen ter en conta o seu xénero ou sexo”.

Teresa González, a coordinadora do Comité Lila do IES ribadense Dionisio Gamallo, explicou que ese colectivo explicou: “colaboramos un pouco na organización destas xornadas basicamente porque pode haber un programa moi bo pero se falla o público non se conseguen os obxectivos. Nós agradecemos a organización delas porque dan oportunidade de formarnos como colectivo e, xa que o público vai ser basicamente xente moza, o broche de ouro póñeno De Vacas, que son tres mulleres que nos demostran que a música non é machista, o que é machista son as letras; entón con moito sentido do humor danlle a volta a moitas cancións e ao mesmo tempo son cancións críticas que convidan a ver a vida dunha forma crítica pero lúdica ao mesmo tempo. Moi coñecido foi o seu tema Despacito, onde se lle deu a volta a esta letra que en principio non era moi igualitaria. Grazas ao Porta da Auga, á comisión de igualdade, por traer estas pedazo xornadas para Ribadeo”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com