‘Trinta lumes’, en Codex Cinema

Codex Cinema arranca mañá a súa semana na que continuará a expór as liñas básicas da súa programación: cinema galego e en galego, filmes feitos por mulleres, cintas comerciais que non se estreaban en Lugo e o cinema de autor máis premiado do ano.

Se hai algo que destacar nos filmes estrea desta semana, non nos podemos esquecer de Trinta lumes, dirixida por Diana Toucedo e rodada na Serra do Courel. Espazo inigualable da nosa terra, filmado con sensibilidade e con moito cariño, atendendo tanto ao rexistro da realidade como as propiedades máxicas desa terra tan desbordante de enerxía, de natureza, de símbolos e de lendas. Logo de percorrer o mundo polos festivais internacionais e de ser exhibida en varios puntos do noso país, chega por fin a Lugo, a terra que a viu nacer.

Para Codex Cinema é un “orgullo” poder contar non só co filme, senón tamén coa presenza da cineasta e da equipa do filme, que por vontade deles mesmos quixeron estar cos espectadores lucenses o mesmo día da estrea oficial en toda España. Será o venres día 8 de febreiro que os responsables do filme estarán na sala, nos pases das 20:00 e das 22:15, para introducir o filme e intercambiar opinións cos espectadores. Entre eles, Diana Toucedo, Alba Arias, Samuel Vilariño, Orlando Gregorio Álvarez, Bela Rubinos e Uxío Novoneyra.

Asemade, os espectadores que non podan gozar este venres da presenza de Diana Toucedo e o seu equipo, sempre poderá acudir á Sala o domingo, cando Pepe Coira e Bela Rubinos, ambos parte do equipo de Trinta Lumes compartirán a súa experiencia cos espectadores.

Os Trinta lumes de Diana Toucedo non deben ocultar o resto de estreas da semana, comezando por Sofia de Meryem Benm’Barek-Aloïsi, a novísima cineasta marroquí que ven de triunfar no último festival de Cannes coa súa primeira longametraxe. Estamos ante un filme que fala de forma combativa e sen complexos sobre unha moza que resiste ante unha sociedade fanática e represiva que lle quere impór como ten que vivir o amor e a maternidade. Ao igual que pasaba noutro filme marroquí que houbo nos Codex, Razzia, atreverse a defender a propia singularidade nos converte en suxeitos políticos, inevitablemente enfrontados ao sistema.

De Marrocos a Francia para vivir un dos grandes éxitos do cinema francés do ano que acabamos de deixar: A clase de piano de Ludovic Bernard. Un melodrama de estilo clásico que ten lugar no mundo da música, un contexto no que o cinema francés se move con moito acerto nos últimos anos. O filme conta con actuacións de novos valores da actuación do país galo apoiados na experiencia dunha das grandes damas do cinema europeo dos últimos trinta anos Kirstin Scott Thomas.

Por último, pero non menos importante, un oco para a recuperación dun filme imprescindible para os cinéfilos máis esixentes: Burning de Lee Chang-dong. O filme arrasou entre a crítica cinematográfica en Cannes e supón o regreso do cineasta coreano oito anos despois de Poesía. O estilo de Lee non cambiou. Segue a retratar un mundo cruel onde a condición humana está en perigo e os nobres sentimentos, ameazados. Filme sobre a supervivencia das emocións e do amor, Burning parte dun relato dun autor moi achegado en temáticas e estilo a Lee, o xaponés Haruki Murakami (Queimar celeiros).

O filme continúa a liña dos Codex de rescatar obras reputadas que non tiveron estrea en Lugo. Serán tres pases especiais, o martes o mércores e xoves para desfrutar deste filme dun dos autores máis celebrados do cinema do século XXI.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com