Últimos días para gozar da exposición ‘A Idade do Ferro’ na Sede Afundación

Últimos días para visitar a exposición A Idade do Ferro, organizada por Afundación, a Obra Social de ABANCA, en colaboración co Museo do Pobo Galego, na Sede Afundación de Lugo. A mostra fotográfica, obra do fotoxornalista José M. Salgado, permanecerá aberta ao público ata o vindeiro 14 de xullo de luns a sábado en horario de 18.00 a 21.00 horas.

Esta exposición é froito do traballo durante catro anos, entre 2014 e 2018, do fotoxornalista dentro da área xeográfica das cuncas dos ríos Eo e Navia, tanto na súa vertente lucense como asturiana, na busca dos últimos ferreiros das comarcas da Fonsagrada, Terra de Miranda, Oscos e Taramundi. En calquera caso, o ámbito xeográfico abarcado non se limita a esa zona, xa que a mostra tamén inclúe dous ferreiros de Lugo e O Corgo.

Este ensaio fotográfico leva o espectador para coñecer intimamente as xentes do ferro, os maiores, xa retirados en moitos casos, os traballadores en activo e as novas incorporacións (nalgún caso, como nos Oscos, de xentes foráneas) que dan alento a unha profesión milenaria. Tamén se deixa entrever claramente a influencia dos ferrones vascos e navarros que emigraron ao longo dos séculos XVI, XVII e XVIII desde Euskadi e Navarra a Asturias e Galicia e foron os responsables de boa parte das ferrerías hidráulicas galegas e asturianas.

O traballo de José M. Salgado explora, ademais da paisaxe humana, os escenarios xeográficos e os vestixios industriais da idade moderna, cando nesta zona limítrofe os traballadores do ferro se contaban por centenares. Son uns sesenta ferreiros, máis de medio cento de historias persoais na área europea con maior concentración, aínda hoxe, de forxas en activo. O fotógrafo tivo en mente os pioneiros da fotografía etnográfica de hai un século, Ferrer, Suárez, Ruth Matilda Anderson ou W. Ebeling, quen percorreu igualmente os camiños, as forxas e mazos de Riotorto, en Lugo, así como as correntes contemporáneas do foto-documentalismo. O que a exposición mostra, a pesar dun verniz aparentemente costumista, é a realidade no momento actual dunha actividade laboral en declive na que se expresa a difícil adaptación ás contornas cambiantes que moitas áreas rurais experimentaron.

Do total dos ferreiros retratados, un bo número seguen en activo, especialmente nos municipios de Riotorto e Taramundi. No primeiro caso, o produto principal foi desde hai décadas as fouces de todo tipo que, ata os anos sesenta, se enviaban en enormes camións ás segas das dúas mesetas. No caso de Taramundi, o auxe do turismo rural na zona desde hai trinta anos favoreceu a produción das navallas típicas da zona, que hoxe son a súa icona e lembranza principal.

Cada artesán ten o seu enfoque sobre a tradición. Algúns seguen con producións pequenas e o sistema de forxa tradicional; noutros casos, incorporaron certa mecanización. Un caso particular dentro do conxunto constitúeno os artesáns que actualmente traballan na comarca asturiana de Oscos: un austríaco, Friedric Bramsteidhl; unha xaponesa, Keiko; e o seu esposo José Román Toquero, natural de Valladolid. A súa presenza axuda a manter unha profesión, literalmente, milenaria.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com