Un, Dous!…

Pecháronnos de repente, como cando os americanos se soterraban nos refuxios nucleares da “guerra fría”, temendo a caída sobre as súas cabezas do terrible poder nuclear da odiada Unión Soviética. Valeunos como ensaio xeral para calquera outro perigo mundial, xa que co medo no corpo enfrontáronnos coa cruda realidade, sen máis contacto exterior cas nosas extensións virtuais con alcance mundial.

Maxinei que cando isto rematase sufriríamos agorafobia ou calquera outra enfermidade, como un síndrome de Estocolmo no que botaramos de menos o presidio sufrido. Menos mal que a esta prisión domiciliaria se lle aplica a descompresión propia dunha inmersión, e van abrindo a espita do exterior para que o aire da realidade non nos provoque danos irreversibles.

Saíndo dun nivel 1 que pola novidade resultou placenteiro, camiñamos polo 2 suspirando por cruzar as fronteiras provinciais, tomar unha caña de xeito que nos pareza un exercicio de liberdade ou saber se na praia de Miño os lucenses que temos alí a residencia de verán teremos que pedir vez como nunha consulta médica. E agardamos polo 3, sen saber se vai haber un punto final, disimulando que somos maiores de setenta por se a nós non se nos aplican os beneficios penitenciarios por boa conduta.

O que imos tendo claro é que o Día das Letras será o 31 de outubro, que un par de centos de persoas ousaron acudir aos Milagros de Saavedra onde a cola que se formou só foi para mercar churros, que o San Froilán vai ser unha festiña familiar e que o Nadal seguro que si que podemos celebralo, pero non sabemos cando. Así que: Un, dous; un, dous… Ar!.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com