Un home perde a vida e outro sufre queimaduras en O Incio e Quiroga

Un home falece a causa dun accidente mentres manexaba maquinaria agrícola nunha finca da súa propiedade.

Segundo a información facilitada ao 112 Galicia, o sinistro mortal produciuse ás 16:30 horas no lugar de Airexe. Alí acudiu un equipo do 061-Urxencias Sanitarias, pero nada puideron facer para salvar a vida do home.  Tamén se desprazou unha dotación do Parque de Bombeiros de Sarria debido a que a vítima foi atrapada pola máquina que arrastraba o tractor.

Por outra banda, un veciño de Quiroga sofriu diversas queimaduras cando intentaba retirar unha bombonas de butano do interior dunha casa incendiada.

Todo ocorreu no lugar de San Vitorio, preto das tres desta tarde, cando un particular chamou ao 112 Galicia para dar conta dun lume orixinado no forno da casa. Para atallar o incendio, o persoal do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia avisou aos Bombeiros de Monforte e aos membros do GES de Quiroga, que estiveron traballando na extinción do lume ata pasadas as seis desta tarde.

Pola súa parte, os servizos sanitarios de urxencia asistiron in situ á dona da casa debido a unha crise nerviosa, mentres que o familiar que acudiu a socorrer sufriu diversas queimaduras polas que foi atendido nun primeiro momento no Centro de Saúde da localidade. As lesións producíronse cando, por precaución, o señor quixo retirar unhas bombonas de butano que había dentro.

Sobre os danos ocasionados polo lume, sinalar que ardeu o forno e a leña apilada a carón e resultou afectada polo fume o resto da vivenda.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo