Unanimidade a favor do Consello Provincial de Turismo

O Pleno da Deputación vén de aprobar esta mesma mañá a creación do Consello Provincial de Turismo, un ente consultivo que, segundo as palabras do deputado de Turismo, Eduardo Vidal Baamonde, consistirá nun órgano de debate, análise e traballo, totalmente construtivo, no que xerar sinerxias, establecer obxectivos e colaborar en proxectos co ente provincial ou cos demáis axentes turísticos, asegurando un bo funcionamento deste modelo. 

No Consello de Turismo participarán representantes de todos os partidos políticos así como dos diferentes xeodestinos da provincia, de asociacións ou entidades que traballen neste eido e de todos os actores que desexen formar parte do mesmo pois “a idea é que todos os axentes que desexen participar poden estar presentes e representados, non é un órgano pechado, quedará aberto”, explicaba Vidal Baamonde.

O certo é que todos os grupos votaron a favor desta proposta pero, como era de esperar, non faltou o debate. Un debate que encabezou a voceira do PP provincial, Elena Candia, e que, irónicamente, se congratulou de que os socialistas se fixeran eco, “por fin” dunha proposta que os populares levaron a pleno en maio de 2016 no que tamén se pretendía crear un ente para impulsar o turismo. Para Candia, trátase dun sector estratéxico e, como tal, convidou a todos os membros da corporación provincial a asinar un pacto para “abandoar debates e traballar todos na mesma dirección”.

Para os populares, ademáis, esta entidade turística “chega un pouco tarde”, pero non dubidou en “aplaudir e votar a favor” do mesmo. “Aplaudimos que se cree este ente, estamos a dúa disposición para asinar un pacto e traballar todos na mesma dirección pero xa adiantamos que no vindeiro pleno, traeremos unha iniciativa para que a Deputación asuma os custes económicos que os concellos teñen nos xeodestinos”.

Os membros do equipo socialista agradeceron o apoio e a complicidade da oposición neste eido e reiterou que na Deputación “se fala de turismo dende que Campos Conde é presidente, a pesar de non ter competencias”. Outro dos puntos de debate, finalizou como non podía ser doutra forma, Vidal Baamonde concluíu claro: “este Consello chega no seu xusto momento”.

Non á privatización dos catamaráns

Se hai un servizo que resultou polémico case dende que se creou, ese é o dos catamaráns da Ribeira Sacra. O pleno vén de aprobar tamén, a pesar dos votos en contra dos socialistas, a proposta nacionalista de paralizar o que tildaron de “privatización” deste servizo.

O BNG levaba a pleno esta moción, que acolleu unha enmenda dos populares. O voceiro nacionalista na Deputación, Xosé Ferreiro, afirmou, en relación á privatización dos catamaráns, que “poderiamos estar ante unha cazolada entre PP e PSOE para entregar a algunha empresa os 710.000 € que a Deputación destina nesta licitación”.

Se ben é certo que o equipo de Campos Conde negou en todo momento esta situación e, incluso onte, Vidal Baamonde aclaraba que non se trataba dunha privatización senón un contrato de xestión a unha empresa que estará en todo momento controlada polo ente provincial, tamén o é que nin PP nin BNG pareceron crer esas declaracións.

Elena Candia criticou a “improvisación” do Goberno provincial, e o BNG asegurou que o conflito ten orixe nos problemas internos do PSOE. Ambos partidos requírenlle á Deputación que sexa Suplusa quen asuma este servizo durante o 2018 e que se faga unha planificación de cara ao futuro.

Outras mocións

Noutro eido, e tamén por unanimidade foi aprobada a moción presentada polos socialistas para instar a fomento a mellorar as comunicacións por estrada na zona sur da provincia de Lugo.

Asemade, BNG e PP aprobaron xuntos, cos votos en contra do PSOE, a iniciativa nacionalista para que neste ano se recuperen as dotacións económicas que existían no 2015 para as subvencións de concorrencia competitiva das áreas de Cultura e Deporte e que sexan convocadas no primeiro trimestre deste mesmo ano, levándose a cabo a súa resolución e publicación no segundo semestre de 2018.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com