Unha multinacional podería estar detrás da xestión de cardioloxía do Hula, segundo o PSOE

O Secretario Xeral do PSOE na Provincia de Lugo, Alvaro Santos Ramos, denunciou hoxe o uso, por parte dunha empresa privada estadounidense, os datos dos pacientes de cardioloxía do HULA a través dun anexo oculto nun convenio asinado entre esta multinacional e a Xunta. Segundo os socialistas, o goberno galego pon a disposición desta empresa os datos dos pacientes así como recursos públicos.

Trátase dun dos anexos que o Goberno galego do PP “ocultou” ata que a Comisión de Transparencia o advertiu de ilegalidade. O Executivo de Feijóo só tiña publicados os convenios, nos que non se detallan o papel da compañía e “sobre os que asegurou que non supoñían custos públicos, mentindo”.

O anexo amosa que a Xunta fai partícipe a esta multinacional americana na planificación do servizo de cardioloxía do HULA. Por exemplo, tal e como recolle o anexo, dos procesos operativos (control de xestión, organización, vías clínicas, loxística…) ou recursos humanos e materiais (equipamento, espazos, sistemas de información, etc). Asemade, e segundo os socialistas, este convenio concédelle á compañía actuacións como a xestión de pacientes crónicos ou a explotación de información.

“Unha multinacional vai a ter moito que dicir sobre como se planifica a asistencia dos pacientes. Ademais, pola vía de convenio, dáse entrada aos datos básicos e protexidos dos pacientes, que se poderían empregar en beneficio do desenvolvemento da actividade dunha empresa, con independencia da aportación que faga con este convenio”, destacou Santos Ramos.

Santos Ramos leu parte do anexo, onde se expresa que o hospital se compromete a promover a colaboración activa do persoal que interveña nos procesos suxeitos a análise e rediseño. Se da análise dos procesos se aconsellan determinadas accións que conleven un gasto aparellado non expresamente recollido en ningún apartado deste acordo, se deberá someter á súa aprobación polo Comité de Dirección do Acordo. O hospital corre cos gastos correntes derivados do uso das instalacións. “Polo tanto, ponse a disposición da compañía persoal e medios públicos. A administración asume os custos de mantemento do equipamento que se empreguen, e que son da empresa. Isto evidencia que si hai un custo público e que o PP de Feijóo volveu a mentir. Non se especifica que pasa co material funxible, pero si o merca o SERGAS, os custos son máis”, subliñou o secretario socialista.

A compañía asumirá directamente “a promoción e execución, mediante obra civil, do espazo hospitalario necesario para a instalación de equipamento. Os acabados finais, mobiliario e iluminación, etc, que configuren a imaxen e, en definitiva o look and feel da actuación seguirán os estándares marcados pola empresa”, explicou Santos Ramos quen denunciou que, grazas a este convenio, “sáltanse moitísimos dos preceptos que na xestión e, incluso, na contratación pública deben imperar”.

Por último, Álvaro Santos  cuestionouse a validez do Regaliam, o Rexistro Galego de Infarto de Miocardio, no que se debería basear a toma de decisións en canto á xestión de cardioloxía, pero “este acordo deixa a dúbida de se o Regaliam é unha máscara máis de Feijóo e fortalece o convencemento que temos moitos lucenses: estamos sen Hemodinámica 24 horas por capricho de Feijóo”.

“Nós ratificámonos na nosa denuncia: se Hemodinámica non funciona as 24 horas no HULA non responde só a criterios clínicos como asegura o Partido Popular. Cremos que hai outros intereses políticos e económicos entre o PP, pois dirixe a Xunta e polo tanto o Sergas, e determinadas compañías”, concluíu o Secretario Provincial Socialista.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo