" />

Urxen ao Goberno do Estado a reparación da N-120a en Pantón

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, rexistra iniciativas na cámara baixa para que o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana realice as actuacións precisas na N-120a ao seu paso polo Concello de Pantón debido ao seu mal estado. A formación nacionalista reclama a limpeza da maleza, que diminúe a visión aos condutores, e que se leven a cabo as obras de reparación e acondicionamento do firme que se atopa nunha grave situación de deterioro.

“O actual estado da N-120 ao seu paso polo Concello de Pantón é de total abandono e cun mantemento practicamente inexistente a pesar de ser, esta estrada, a principal vía de comunicación para a veciñanza da localidade” explica o deputado do BNG. Esta nacional consta de dous tramos principais: un que vai do Torrón, nos Peares, cara a capital da zona na vila do Castro de Ferreiro; o outro tramo, comprende desde a capital do Concello até o límite xeográfico do municipio con Monforte, na parroquia de San Mamede de Mañente.

En ambos tramos, os anos foron pasando sen un adecuado mantemento e “deron como resultado un firme en mal estado e grande maleza que invade os carrís de circulación, ocultando os quitamedos e impedindo a visibilidade dos condutores”. Todo iso fai que se produzan numerosos accidentes polo que o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana ten que “garantir a seguranza viaria dos vehículos que circulan pola vía”.

“Debe lembrarse que a maleza, ademais de impedir a visibilidade e aumentar o risco de accidente, favorece a proliferación de incendios nos meses de verán e impide o tránsito dos ciclistas e peóns” enfatiza Rego. O Consello de Ministros fixo público en 2019 que se licitarían os contratos para a conservación e explotación de estradas do Estado na Galiza. “Nos pregos incluíase a N-120a mais non se realizaron labores de mantemento ou mellora do firme nos últimos anos” lembra Rego.

Outra das razóns polas que é urxente a reparación e acondicionamento da nacional é que “é a vía de acceso a moitos dos elementos do patrimonio histórico e natural da zona”. Desde a Torre da Bastida, declarada como BIC, até as parroquias como a de San Vicente de Pombeiro e de Santo Estevo de Atán onde se atopan igrexas románicas declaradas como Ben de Interese Cultural. “Esta estrada leva ao empalme coa estrada provincial que leva á fervenza da Augacaída, un dos monumentos naturais máis visitados da Ribeira Sacra e que tamén está declarada como BIC, facendo parte do núcleo central da candidatura a patrimonio da humanidade” subliña o deputado nacionalista.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo