Versos de Xela Arias centrarán unha mostra conmemorativa das Letras Galegas 2021 con imaxes de Xulio Gil

A Deputación de Lugo vén de presentar no día de hoxe Xela Arias. A poesía do retrato, un proxecto expositivo que presenta textos poéticos da autora homenaxeada nas Letras Galegas 2021 xunto aos retratos realizados polo fotógrafo Xulio Gil entre 1988 e 2001.

A mostra, que se complementa cun libro catálogo, é o eixo central das actividades organizadas pola Deputación de Lugo polas Letras Galegas.  Concebida para espazos exteriores e cun formato adaptado á itinerancia, inaugurarase o vindeiro 1 de maio en Sarria e exporase despois en Lugo, Chantada, Monforte, Viveiro e Ribadeo.

A exposición consta de 20 imaxes en branco e negro que dialogan con cadanseu texto poético, dando lugar a unha potente interacción entre a fotografía e poesía. A colección de imaxes, que se amplía ata as 53 no catálogo que acompaña a mostra, retratan a poeta posando con determinación e sen artificios ante o obxectivo de Xulio Gil, no seu período vital dos 26 aos 40 anos. Son imaxes cargadas de poesía, onde a mirada penetrante de Xela Arias observa de fronte e con honestidade.

Os retratos recollen a vontade creativa e os pactos estéticos do fotógrafo e da poeta, que non só se amosa como modelo, tamén como creadora, tal e como explicou na presentación da mostra Xulio Gil. “Hai moi poucas fotografías que sexan roubada, que sexan do doméstico, en xeral, son fotografías recollen posturas ou posados nos que ela controla a imaxe que quere transmitir”, sinalou o fotógrafo, quen aludiu ao proxecto poético Tigres coma cabalos, como o precedente da relación artística entre ambos.

Os textos poéticos que acompañan as imaxes corresponden a fragamentos da poesía dispersa de Xela Arias, versos publicados en xornais, revistas e fanzines recollidos por María Xesús Nogueira en Poesía reunida (1982-2004). Xela Arias (Edicións Xerais, 2018).

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com