Vivenda asigna máis de 320.000 euros a ARI do Casco Histórico

A Xunta de Galicia destinará un total de 322.798,10 euros á área de rehabilitación integral (ARI) do casco histórico de Lugo, o que supón máis do triplo dos fondos executados polo concello no marco do plan de vivenda 2013-2016. Ata o momento, a administración local certificou a execución dun total de 87.556,04 euros, pouco máis que o 50 por cento dos fondos asignados a Lugo ao abeiro do anterior plan de vivenda (2013-2016).

Ademais dos máis de 320.000 euros que se lle asignan neste novo reparto, o Concello de Lugo dispón de máis de 83.000 euros pendentes de certificar correspondentes aos convenios asinados en 2015, que foron prorrogados para que a cidade non perdese ese importe. Neste sentido, Lugo disporá dun total de máis de 405.000 euros para as actuacións nas áreas de rehabilitación integral declaradas na cidade.

O reparto realizado pola Xunta de Galicia dos fondos dispoñibles responde, entre outras cuestións, á capacidade de execución demostrada por cada concello nos últimos anos. Por este motivo, Lugo – pese a ter solicitado que en 2018 a asignación de máis de dous millóns de euros (máis de 22 veces o executado nos últimos anos)- recibirá unha contía máis acorde á xestión realizada. O IGVS defende que a asignación de fondos que non van ser executados prexudica aos concellos máis eficientes e pode supoñer para Galicia a perda de fondos, xa que as contías achegadas polo Ministerio de Fomento que non se executen teñen que ser devoltas.

A Xunta de Galicia destina este ano ás áreas de rehabilitación integral un total de 17.915.000 euros, dos que 13,13 millóns son achegados polo Ministerio de Fomento e 4,78 millóns polo Instituto Galego da Vivenda e Solo. Estes fondos repártense entre todos os concellos con ARI declaradas que o solicitaron despois da convocatoria publicada polo IGVS no pasado mes de agosto.

Un total de 35 concellos dos 41 que contan con ARI solicitaron a asignación de fondos para 54 áreas de rehabilitación integral das 69 existentes. No reparto non está incluída a área de rehabilitación integral dos Camiños de Santiago.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com