Volve a estabilidade da covid á provincia de Lugo co mesmo número de casos activos e contaxios

Volve a estabilidade aos principais baremos da covid na provincia de Lugo. Así o revela o último informe do SERGAS con datos recompilados ata as 6 da tarde de onte e que cifra en 208 casos as infeccións activas, exactamente o mesmo número que na xornada anterior. 

Mantense tamén o ritmo de contaxios con tan só 7 positivos detectados nas últimas horas na provincia, un máis que na xornada anterior. Doutra banda, son 7 tamén as altas médicas, que pegan un baixón importante logo de que na xornada do luns, recuperaranse do virus 23 persoas. 

Con todo, a boa nova da xornada é a presión asistencial que descende en dúas persoas. Así, a provincia suma un total de 6 ingresados por covid, 2 deles na UCI do Hula. Os catro restantes divídense nas diferentes plantas de hospitalización dos hospitais públicos da provincia. Así, o HULA rexistra 2 pacientes covid en unidades convencionais, mentres que os hospitais comarcais de Cervo e Monforte contan cun paciente covid cada un.

E estes datos danse o día no que o comité clínico que asesora á Xunta, reuníase co fin de avaliar o avance da pandemia nos diferentes concellos galegos. Segundo informou a Xunta de Galicia, na reunión de onte, acordouse aliviar as restricións nos concellos lugueses de Viveiro, que pasa a nivel medio e Vilalba e Monforte que, dene o vindeiro sábado, estarán no nivel máis baixo de alerta estipulado pola Xunta. Asemade, o Executivo galego avanzou que, a partir deste sábado, Galicia non terá ningún concello en nivel alto ou máximo e tan só 5 municipios permanecerán en nivel medio, entre eles Viveiro e Xove. 

E como avanzabamos onte, o Ministerio de Sanidade elaborou unha nova proposta de restricións na hostalería e o ocio nocturno para debater coas comunidades autónomas despois de  que a Audiencia Nacional decidise suspender de forma cautelar, e a petición da Comunidade de Madrid, a aplicación das controvertidas medidas acordadas polo Consello Interterritorial de Saúde e publicadas no BOE. O novo documento non estipula limitación á hostalería e permitiría a apertura do ocio nocturno tamén en zonas de nivel medio de risco. Con todo, estas medidas, aseguran, serán obxecto de revisión e flexibilización.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com