We love Queen, prato forte do Eu son Eo

O musical We love Queen, que está a triunfar en auditorios e teatros das principais cidades españolas, será o prato forte do festival Eu Son Eo 2018, que se celebrará en Abres os días 29 e 30 de xuño. Tamén actuará o grupo vallisoletano Cañoneros, que interpreta cancións dos anos 80, e haberá actividades acuáticas, unha carreira popular, monólogos, foros e exposicións, entre outras actividades. Todo iso con entrada gratuíta.

A vicepresidenta e portavoz da comisión organizadora do evento, Hortensia Araujo, deu a coñecer a programación do  evento nunha reunión con veciños na que participaron a alcaldesa de Trabada, Mayra García, e o rexedor municipal de Vegadeo, César Álvarez.

Despois dese encontro a organización anunciou que “como nota destacada nesta terceira edición do festival Eu Son Eo contaremos co tributo show a Queen titulado We love Queen. Trátase dun espectáculo cargado de enerxía e de cor que triunfou en Madrid, no teatro La Latina, a segunda semana deste mes e creo que á beira do río Eo vai soar espectacular. É digno de ver e consideramos que será un atractivo e un potencial importante para esta terceira edición do festival”.

A portavoz da organización destacou que a entrada será gratuíta tanto para este musical como para o resto de actuacións e outras actividades que haberá durante a terceira edición do Eu Son Eo. “É un festival pouco corrente e o que poden participar desde os mozos ata os máis maiores porque hai actividades para todas as idades, o que o converte en algo diferente a outros festivais”.

Os organizadores engaden que “ We love Queen será o sábado e a noite do venres teremos unha banda tributo aos anos 80 que se chama Cañoneros, que son un grupo importante tamén. Ademais contaremos con dj’ s da zona que ofrecerán música dos 80 o venres e o sábado pola noite. Este ano tamén apostamos por un monologuista, que será un atractivo diferente máis para este festival. Contaremos, como nas edicións pasadas, cunha feira artesanal con xente propia, desta zona; teremos tamén un taller con Friedrich, o ferreiro de Mazonovo, de Santa Eulalia de Oscos; contaremos, como sempre, con actividades acuáticas no río e paseos en bicicleta; e imos organizar unha carreira para o sábado na que espero que haxa gran afluencia de participantes, que se poderán apuntar ata media hora antes do horario de saída e toda a información está dispoñible na páxina web”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo